Nova

Belén do Campo destaca o papel da FAXPG para mellorar a inclusión e a igualdade de oportunidades das persoas xordas en Galicia

A delegada e a presidenta da FAXPG aproveitaron para visitar o punto de accesibilidade de video interpretación en lingua de signos ubicado no rexistro central da Delegación da Xunta na Coruña


A Coruña, 28 de abril de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse por primeira vez, coa nova presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), María Alonso, para avaliar as vías de colaboración que permitan seguir mellorando a inclusión, a accesibilidade e a participación social das persoas con discapacidade auditiva na comunidade.

Durante o encontro, a representante do Goberno galego puxo en valor o importante labor que desenvolve esta entidade en Galicia, contribuíndo ao benestar das persoas xordas e xordocegas e prestando asesoramento, apoio e acompañamento tamén ás súas familias.

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1979 que representa os intereses das persoas xordas en toda a comunidade autónoma, ademais de promover a lingua de signos española e traballar pola mellora da accesibilidade e a inclusión social.

A través das súas distintas asociacións federadas, 7 en toda Galicia e 3 na provincia da Coruña, a entidade presta servizos ás persoas xordas e xordocegas de Galicia e ás súas familias, ofrecendo apoio, asesoramento e actividades orientadas a garantir a igualdade de oportunidades e a participación plena na sociedade.

No encontro a representante da FAXPG trasladoulle varias necesidades da entidade como un novo local en Santiago e propostas como a incorporación nos pliegos de contratación de criterios de accesibilidade para este colectivo. Así mesmo, aproveitaron para visitar o punto de accesibilidade de video interpretación en lingua de signos ubicado no rexistro central da Delegación da Xunta na Coruña. Na reunión María Alonso tamén puxo en valor o Servizo de videointerpretación nos servizos de Urxencias dos hospitais e dos PAC para os pacientes xordos e destacou a necesidade de seguir avanzando nestas liñas de colaboración.

A delegada da Xunta incidiu ademais na estreita colaboración que mantén o Executivo autonómico coa federación, unha cooperación transversal a través de distintas consellerías que, segundo sinalou, “é fundamental para continuar dando resposta ás necesidades das persoas xordas e seguir construíndo unha Galicia máis inclusiva e accesible para todos”.

Concretamente, a Consellería de Política Social vén de consolidar en 2025 o seu apoio á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). O conxunto de axudas e colaboracións económicas do exercicio 2025 inclúe actuacións financiadas a través da Orde do IRPF, así como convenios, patrocinios e contratos menores, acadando un investimento global superior aos 1,7 millóns de euros destinados a fortalecer a atención social, educativa, sanitaria e de accesibilidade do colectivo.

Belén do Campo lembrou tamén que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes renova anualmente o convenio de colaboración coa FAXPG para a prestación do servizo de intérpretes de lingua de signos e guías-intérpretes para persoas xordas e xordocegas. Este convenio contempla o fomento de accesibilidade das persoas xordas e xordocegas en relación coas actividades Institucionais que se leven a cabo en todas as áreas do sector público autonómico, incluido o de Xustiza, a través do cal a Xunta asume o compromiso de facilitar os medios persoais necesarios de intérpretes. A través deste acordo, facilítase que as persoas con discapacidade auditiva poidan relacionarse cos xulgados en condición de igualdade, garantindo unha atención accesible e adaptada ás súas necesidades.

Renovación da colaboración en materia de medio ambiente

Durante a reunión, a delegada e a presidenta da federación valoraron a renovación do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a FAXPG para promover a accesibilidade e a participación das persoas xordas e xordocegas nas accións de difusión e comunicación desenvolvidas pola Xunta nos espazos naturais de Galicia. Como novidade este ano porase en marcha un programa de voluntariado inclusivo nos espazos naturais galegos.

Este acordo, dotado cunha achega autonómica de 10.000 euros, ten como finalidade establecer medidas que fomenten a igualdade de oportunidades e a non discriminación, facilitando o acceso deste colectivo ás actividades de sensibilización, divulgación e promoción da sustentabilidade ambiental impulsadas pola Consellería.

En concreto, o convenio presta especial atención ás iniciativas vinculadas ás aulas da natureza e aos espazos naturais protexidos da comunidade autónoma, ao tempo que garante a participación e o apoio especializado da federación nas accións de comunicación e difusión que se leven a cabo, mediante o servizo de intérpretes de lingua de signos española e guías-intérpretes para persoas xordocegas.

Belén do Campo subliñou que “a inclusión debe estar presente en todos os ámbitos da vida pública, tamén no acceso ao patrimonio natural, á educación ambiental e ás actividades de sensibilización, para que ninguén quede atrás”.