Nova
A Unidade Muller e Ciencia de Galicia presenta o plan de traballo para 2026, que inclúe o peche avaliativo do seu III programa, un novo plan e iniciativas tractoras para a súa dinamización
María Quintiana avanza que o reto de 2026 é preparar un salto cualitativo na igualdade efectiva dentro sistema galego de I+D+i
Santiago de Compostela, 28 de abril do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, presentou esta mañá no Pleno da Unidade Muller e Ciencia de Galicia o plan de traballo deste organismo para 2026, que se articula arredor de tres eixos principais: o peche avaliativo do III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, a activación participativa do novo programa 2027-2029 e a dinamización de iniciativas tractoras da unidade.
Durante a sesión plenaria, na que tamén participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, Quintiana asegurou que este 2026 está sendo e será “un ano con moito traballo, pero tamén con moito sentido”. Así, explicou que coa avaliación do III Programa péchase un ciclo de catro anos e, ao mesmo tempo, ábrase a conversa sobre o que deber ser o noso próximo horizonte estratéxico, un tempo de construción activa que servirá para definir a dirección na que se avanzará durante seguinte período de cara a contribuír a progresar na igualdade de xénero na I+D+i.
O peche do III Programa non supón un punto final, senón o inicio dunha nova etapa orientada a resultados, impacto e capacidade transformadora. A Unidade Muller e Ciencia consolídase como espazo de referencia para impulsar unha igualdade máis estratéxica, coordinada e con maior capacidade de influencia. Os avances no acceso non están a traducirse nunha presenza equilibrada nos espazos de liderado, o que evidencia a persistencia de barreiras estruturais. Avanzar na igualdade require reforzar a colaboración entre universidade, administración e sector privado como parte dun ecosistema integrado.
A Unidade Muller e Ciencia leva traballando con intensidade no que vai de ano. Así, a directora xeral destacou as once reunións bilaterais realizadas cos departamentos da Xunta que ocupan as vogalías, así como coas asesoras externas María Loureiro García, experta no ámbito social; Susana Ladra González, no eido científico e tecnolóxico; Ana Jesús López Díaz, no científico e tecnolóxico; María Dolores Pérez Meiras, no educativo e promoción científica universitaria; e Carmen Balboa, no sanitario. Estas sesións foron un espazo de confianza e diálogo diverso, construtivo e produtivo que naceron co obxectivo de reforzar o papel e a visibilidade da Unidade, mellorar a súa capacidade e coordinación e proxectala con máis fora sobre o conxunto do ecosistema galego de I+D+i.
Na súa intervención, a directora xeral dixo que o reto de 2026 é preparar un salto cualitativo na igualdade efectiva dentro sistema galego de I+D+i, asegurando que “estamos nunha posición de saída favorable, con base institucional, marco normativo, experiencia acumulada e, sobre todo, co compromiso e coñecemento das persoas que integran esta Unidade”.