Nova
Rueda anuncia que a Xunta inicia a tramitación da primeira Lei reguladora do terceiro sector da acción social de Galicia
Salienta que se busca “unificar nun único texto legal a regulación dun sector” que conta con 1.500 entidades na comunidade
“Queremos recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan na sociedade” , indicou
A conselleira de Política Social e Igualdade salienta o labor “desta auténtica rede de solidaridade” que apoia a diferentes colectivos
Abrirase unha consulta pública previa para recoller as achegas de toda a sociedade galega, en especial, das entidades representativas deste ámbito
Entre outros aspectos, a nova norma abordará a creación dun censo e dun plan de impulso e promoción do sector
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será “a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia”. Unha norma que busca “unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega”, resaltou.
A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen “unha auténtica rede de solidariedade”, segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables, e coas que o Goberno galego, segundo indicou Rueda, mantén “unha estreita colaboración”.
A Xunta quere que a tramitación desta ferramenta lexislativa sexa aberta e participativa, de maneira que se recollan as achegas de toda a sociedade galega, en especial, das entidades representativas do terceiro sector. Con esta finalidade, nos vindeiros días abrirase unha consulta pública previa para a presentación de propostas e, a continuación, comezar a redacción do anteproxecto de lei. A previsión é que o proxecto de lei se aprobe a finais deste ano para o seu envío ao Parlamento de Galicia.
Neste sentido, tal e como explicou a conselleira, os principais aspectos que se queren regular nesta lei son: “definir e delimitar o conxunto de entidades e organizacións que conforman o terceiro sector de Galicia”, así como establecer os principios reitores destas. Tamén se recolle a elaboración dun censo de organizacións, que sexa compatible con outros rexistros públicos en que se inscriben estas entidades “para reducir as cargas burocráticas”..
Ademais, a futura norma ten entre os seus obxectivos a elaboración dun plan de impulso e promoción das entidades así como reforzar a súa participación a través dunha Mesa do Terceiro Sector da Acción Social de Galicia, como un órgano de carácter participativo no ámbito da Xunta.
En definitiva, o obxectivo da nova lei é regular a actividade das entidades do ámbito social, establecer os principios reitores do seu funcionamento e a súa relación coas administracións, e contribuír a pór en valor a relevancia que teñen para o desenvolvemento social e económico de Galicia. “Trátase de axentes imprescindibles para o bo funcionamento da comunidade e aos que sempre estaremos agradecidos”, indicou a conselleira.