Nova
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá unha xornada sobre os riscos da trata e a violencia sexual na contorna dixital
Está organizada pola entidade social Diaconía e terá lugar no salón de actos o día 6 de maio, entre as 10 e as 13 horas
Lugo, 27 de abril de 2026
O proxecto “Desactiva a trata” da entidade social Diaconía recalará en Lugo o vindeiro mércores 6 de maio cunha xornada que se celebrará entre as 10 e as 13 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta.
“Trata 2.0. O mundo dixital, violencias sexuais dixitais e métodos de captación dixital” é unha acción de información e sensibilización aberta ao público en xeral, e pensada en especial para persoal das administracións, das forzas e corpos de seguridade, os servizos sociais e outros profesionais que traballan coa mocidade e a infancia.
Centrarase nos perigos da contorna dixital como espazo de recrutamento e explotación sexual, e entre os temas a tratar figuran fenómenos como o grooming e a sextorsión. O obxectivo da proposta é axudar a comprender mellor a socialización dixital dos nenos e adolescentes, e adquirir recursos para identificar e facer fronte a situacións de risco.