Nova

A Xunta agradece ao concello de Friol o seu compromiso cos proxectos que buscan garantir o benestar dos maiores e das persoas con discapacidade

Lembra que a futuro centro de atención integral para persoas con autismo, que será xestionado por Aspanaes e contará con 48 prazas públicas, permitirá crear novos postos de traballo, favorecendo o asentamento de poboación no rural


Friol (Lugo), 25 de abril do 2026

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu esta mañá á presentación dun proxecto de vivendas colaborativas que busca instalarse no municipio de Friol. No acto, destacou as novas iniciativas que sitúan a este concello como “exemplo de proxectos que buscan garantir o benestar dos maiores e das persoas con discapacidade”, en referencia á residencia para persoas con autismo que está a punto de rematar a súa construción.

Antón Acevedo puxo en valor o modelo de coidados da Xunta, que aposta por “atender ás necesidades e preferencias das persoas maiores para que tomen decisións de xeito autónomo e libre”. Neste sentido, destacou que a preferencia maioritaria dos maiores galegos “é ser atendidos na súa contorna”, polo que explicou que o Goberno galego ofrece unha serie de servizos de proximidade para que poidan, segundo destacou, “ver cumprido o seu desexo de permanecer no seu lugar de sempre ao tempo que están ben atendidas”.

Neste conxunto de medidas, o director xeral destacou o Bono Coidado no Fogar, unha axuda de 5.000 euros ao ano que perciben máis de 38.000 galegos que prefiren ser coidados nas súas casas. Sobre esta iniciativa, lembrou o compromiso do presidente Alfonso Rueda de ampliar o bono nesta lexislatura para acadar os 50.000 beneficiarios.

Por último, tamén fixo referencia ao futuro centro de atención integral a persoas con autismo que se está construíndo en Friol, ao que a Xunta destina 4,7M€ e que contará con 48 prazas residenciais. Así, destacou o bo avance das obras e que o centro, que estará listo este ano e será xestionado por Aspanaes, “situará a Galicia como un referente nesta materia e permitirá a creación de novos postos de traballo, favorecendo o asentamento de poboación no rural”.