Nova
Fabiola García reivindica o compromiso da Xunta coa atención ás persoas con discapacidade co investimento de 2 M€ na nova residencia de Outes
Destaca que o novo recurso terá capacidade para aloxar a 24 persoas, dando resposta ás necesidades das familias de persoas con discapacidade da zona
Pon en valor a traxectoria de Adisbismur, entidade que xestionará o centro e que “suma xa máis de 40 anos axudando a sentar as bases do que hoxe é a atención ás persoas con discapacidade”
Asegura que o proxecto que favorecerá “a autonomía persoal, a inclusión social e a creación de emprego na comarca”
Outes (A Coruña), 24 de abril do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións nas que se construirá a nova residencia para persoas con discapacidade de Outes, na que a Xunta inviste 2M€ e que será xestionada pola Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (Adisbismur). No acto de presentación do proxecto estivo acompañada do alcalde de Outes, Francisco Calo, do presidente de Adisbismur e do CERMI, Ramón Sestayo e do presidente de Cogami, Anxo Queiruga.
Na súa intervención, Fabiola García destacou que este investimento do Goberno galego “reflicte o compromiso da Xunta coa atención ás persoas con discapacidade” e permitirá transformar o antigo colexio do Cruceiro de Roo, cedido polo Concello de Outes, nun centro residencial que contará con 24 prazas. Ademais, puxo en valor a traxectoria da entidade social “con máis de 40 anos axudando a sentar as bases do que hoxe é a atención ás persoas con discapacidade”.
A conselleira destacou que este novo recurso de proximidade “permitirá que os usuarios poidan vivir preto dos seus fogares, na súa contorna”, dando resposta ás necesidades das familias de persoas con discapacidade da zona. Ademais, puxo en valor as características da futura residencia, que contará con 24 prazas distribuídas entre habitacións e pequenos apartamentos, e do proxecto que, favorecerá, segundo dixo, “a autonomía persoal, a inclusión social e a creación de emprego”.
Fabiola García agradeceu a Adisbismur e ao Concello de Outes a súa colaboración e enmarcou este proxecto “na aposta do Goberno galego por mellorar a rede actual de centros de atención á discapacidade”. Neste sentido, lembrou que nos últimos anos a Xunta investiu máis de 30M€ na reforma e creación de novos recursos das entidades sociais en toda Galicia.
Servizos de proximidade no rural
A nova residencia emprazarase na antiga escola do Cruceiro de Roo, edificio que consta de tres plantas e que foi cedido gratuitamente polo Concello á entidade para a súa adaptación. O servizo contara con capacidade para aloxar a 24 persoas. A entidade é a encargada de elaborar o proxecto definitivo, da contratación e do seguimento das obras. O orzamento total do proxecto é de 2,3 millóns de euros.
Con este recurso, a Xunta segue apostando por crear servizos de proximidade no rural para procurar que as persoas con discapacidade que precisen deles poidan permanecer na súa contorna. Ademais, a futura residencia completará a rede de servizos de Adisbismur, da que xa forman parte un centro ocupacional, con capacidade para medio centenar de usuarios, e un centro de día que presta atención a unha vintena de persoas. Nestes centros a Xunta financia 49 prazas, ás que destina preto de 720.000 euros anuais.