Nova

A Xunta comprométese a seguir impulsando medidas de apoio ás persoas con ELA e ás súas familias

O Goberno galego impulsou no ano 2023 as primeiras axudas económicas do país para os doentes desta enfermidade neurodexenerativa, destinadas a tratamentos, reformas ou adquisición de produtos esenciais


Santiago de Compostela, 23 de abril do 2026.

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, trasladou o compromiso da Xunta para seguir impulsando medidas de apoio a todas as persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e as súas familias. Así o explicou durante a súa comparecencia na Comisión 5º do Parlamento para dar conta dos avances do Goberno galego nesta materia.

Antón Acevedo puxo en valor que Galicia foi a primeira comunidade do país en poñer en marcha unhas axudas económicas no ano 2023 para axudar a todos os doentes a sufragar os custos derivados esta enfermidade. Así, explicou que poden utilizar esta achega de 12.000 euros ó ano para mercar produtos básicos e esenciais, realizar reformas para adaptar as vivendas ou para tratamentos.

Ademais, lembrou que previamente, desde o ano 2017, a Xunta leva impulsando medidas específicas de acompañamento e reforzo do papel sociosanitario, así como unha estreita colaboración co tecido asociativo. Nesta liña, tamén recordou que o Goberno galego creou o primeiro Proceso de Atención Integrado á ELA de España, así como unha vía preferente para as valoracións de discapacidade e dependencia.