Nova
A Xunta pon en valor as referentes galegas nas TIC como motor para a incoporación de talento feminino máis mozo
María Quintiana destaca o labor do Cesga na visibilización desas referentes, así como da plataforma Presentes impulsada pola Xunta de Galicia recentemente
Santiago de Compostela, 23 de abril do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, puxo hoxe en valor a mulleres galegas que polo seu traballo e capacidades son referentes no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o que as converte en motor para a incorporación de talento feminino máis mozo. Fíxoo no peche da xornada celebrada no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) con motivo do XIV Día das Rapazas nas TIC, no que se deu visibilidade ao colectivo de mulleres profesionais e investigadoras no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
María Quintiana destacou o labor do Cesga na visibilización desas referentes, así como da plataforma dixital ‘Presentes’, lanzada o pasado mes de marzo pola Xunta de Galicia conectando a más de 2.000 mulleres profesionais de diversos sectores. A través desta iniciativa, ademais de promocionar o talento feminino, búscase combater a fenda de xénero e aumentar a presenza de mulleres expertas no debate público, medios e foros profesionais.
Así mesmo, a directora xeral puxo en valor o papel das mulleres nas carreiras científicas e técnicas. Non obstante, apuntou a necesidade de seguir combatendo os estereotipos de xénero que aínda persisten arredor destas ramas educativas.
Neste sentido, a directora xeral sinalou o labor que desenvolve a Unidade Muller e Ciencia, órgano colexiado da Xunta de Galicia creado coa finalidade de dinamizar y transformar a ciencia e a tecnoloxía desde a perspectiva de xénero e co obxectivo de promover a igualdade entre mulleres e homes neste ámbito. Esta unidade tamén ten entre os seus fins dar visibilidade ao talento das mulleres galegas na ciencia, para o que convoca anualmente o Premio María Josefa Wonenburger Plannels.
Protagonistas
Desde o ano 2013 o Cesga celebra o Día Internacional das Rapazas nas TIC. A actividade consistiu nunha multiconferencia web na que participaron catro mulleres galegas emprendedoras neste campo e estudantes de centros de ensino de primaria e secundaria.
Estas mulleres referentes que protagonizaron o encontro foron: María Castiñeira Rei, que traballa no Cega como técnica de investigación en simulación computacional e análise de datos; Patricia González Gómez, investigadora no Departamento de Enxeñería de Computadores da Universidade da Coruña; Hilda Romero Velo, investigador no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e Aránzazu Sucasas Hermida, licenciada en Enxeñaría de Telecomunicación e Máster en Enxeñería Biomédica e Saúde Dixital.