Nova

A Xunta destina máis de 92.000 euros a obras de mellora no centro de día público de San Sadurniño

Esta semana iniciáronse os traballos de renovación da fachada principal do inmoble, que se executarán en dúas fases ao longo deste ano

Con anterioridade xa se actuara na instalación eléctrica, entre outras intervencións


San Sadurniño (A Coruña), 17 de abril do 2026

A Xunta de Galicia está a destinar máis de 92.000 euros a diferentes obras de mellora do centro de día para persoas maiores de San Sadurniño, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodriguez, visitou hoxe estas instalacións, onde esta semana comezaron os traballos de renovación da súa fachada principal.

Perfecto Rodríguez sinalou que esta nova intervención mellorará o illamento e as condicións térmicas do inmoble, o que suporá un importante aforro enerxético e un maior benestar para usuarios e persoal. O coste destas obras supera os 48.000 euros.

O xerente do Consorcio, que estivo acompañado do alcalde do municipio, Secundino García, explicou outras melloras xa feitas ou que se realizarán proximamente no equipamento. Así, nos últimos dous anos destináronse 21.000 euros á renovación da instalación eléctrica e á colocación dun toldo. Ademais, está previsto que este mesmo exercicio de 2026 se complete a reforma da fachada, cun novo investimento de 23.000 euros.

O centro de día de San Sadurniño presta coidados especializados a 40 persoas maiores procedentes deste concello e doutros limítrofes, como Moeche, Cedeira, Narón, Valdoviño ou Neda.