Nova

A Xunta subliña a importancia dos espazos de diálogo para seguir visibilizando as necesidades das persoas con párkinson

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destacou o labor que desenvolven as entidades sociais na atención, acompañamento e asesoramento aos doentes e familiares 

Tamén reivindicou as políticas do Goberno galego para promover o envellecemento activo e previr o deterioro cognitivo


A Coruña, 17 de abril de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu esta mañá ás VII Xornadas Galegas de Párkinson: Innovación con Impacto, un espazo de diálogo ao que se referiu como fundamental para seguir visibilizando as necesidades das persoas con esta doenza.

O director xeral puxo en valor o compromiso que ten a Xunta coas persoas que sofren  esta enfermidade, ao tempo que destacou o importante labor que desenvolven as entidades sociais na atención, acompañamento e asesoramento aos doentes e as súas familias. Deste xeito, remarcou a importancia destas xornadas, que organiza a Asociación Párkinson Galicia, e que  son unha referencia a nivel autonómico e que supoñen un punto de encontro entre os profesionais sanitarios e as persoas afectadas.

Antón Acevedo trasladou a Asociación Párkinson Galicia-Coruña, organizadora deste evento, o compromiso do Executivo galego para seguir traballando man a man na atención e coidado ás persoas con esta doenza e puxo en valor a súa traxectoria.

III Foro tecnoloxía e deporte: envellecemento activo

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, tamén asistiu pola tarde ao III Foro tecnoloxía e deporte sobre envellecemento activo, celebrado no museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

Tras o evento, reivindicou a importancia de impulsar políticas públicas que fomenten un envellecemento activo e saudable como forma de prevención do deterioro cognitivo. Neste senso, fixo fincapé nas iniciativas da Xunta que promoven a participación dos maiores neste tipo de actividades como o programa Benestar en Balnearios ou o Carné +65.