Nova
Fabiola García sitúa a piloto infantil Aroa Fernández como un referente feminino e unha promesa do automobilismo galego
A conselleira destaca o seu palmarés e a súa traxectoria nunha modalidade deportiva tradicionalmente masculinizada
Pon en valor a iniciativa Presentes, a plataforma coa maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia posta en marcha pola Xunta e que conta xa con máis de 2.000 usuarias
Santiago de Compostela, 17 de abril do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá a importancia de visibilizar referentes femininos no deporte desde as idades máis temperás para continuar impulsando a igualdade de xénero. Así o asegurou tras participar nunha demostración da piloto infantil Aroa Fernández, campioa galega de karting.
A visita tivo lugar no recinto feiral de Silleda, onde a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, puido coñecer a Aroa Fernández. A deportista, nada en Culleredo en 2015, comezou a pilotar con seis anos e conta xa cun extenso palmarés. De feito, neste 2026 participa no campionato de España de karting, na competición de Galicia e na organizada na comunidade de Castela e León, citas nas que espera revalidar os éxitos da pasada tempada.
Tras acompañar á piloto infantil nun percorrido en kart polo recinto, Fabiola García felicitou a Aroa Fernández pola súa traxectoria nunha disciplina tradicionalmente masculinizada e puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia ao deporte feminino e a carreiras como a dela, que este ano ademais conta co apoio económico da Consellería de Política Social e Igualdade.
Co obxectivo de dar a coñecer referentes como Aroa Fernández, a Xunta de Galicia lanzou Presentes, a plataforma coa maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia. Sobre ela, a conselleira explicou que busca “eliminar as barreiras que aínda dificultan que moitas delas ocupen espazos públicos de recoñecemento”. En concreto, especificou que xa son máis de 2.000 as usuarias desta ferramenta dixital e que o obxectivo é “seguir sumando perfís que aínda non contan con visibilidade”.