Nova

O centro de información á muller móbil da Xunta reforza a sensibilización en materia de xénero e igualdade no campus universitario de Ferrol

Este é un dos catro CIM itinerantes que ten operativos o Goberno galego e que percorren as contornas universitarias e os concellos rurais que non teñen servizos destas características


Ferrol (A Coruña), 16 de abril do 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, estivo esta mañá no campus universitario ferrolán para comprobar o funcionamento dun dos catros Centros de Información á Muller (CIM) móbiles que ten operativos o Executivo autonómico. Nesta visita estivo acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros.

Roberto Barba destacou a importancia deste novo recurso itinerante para reforzar sensibilización en materia de xénero e igualdade nas contornas universitarias e tamén os concellos rurais nos que non hai servizos destas características. Neste sentido, apuntou que o obxectivo é achegar toda a información posible ao conxunto da sociedade para sumar esforzos na prevención e loita fronte aos malos tratos ás mulleres.

Estas unidades están atendidas por persoal especializado, incluídas unha psicóloga e unha traballadora social, para ofrecer orientación e apoio en cuestións relacionadas coa promoción da igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero. Calquera cidadán interesado pode achegarse a solicitar información.

Coa posta en marcha dos CIM itinerantes a Xunta quere garantir que todas as mulleres teñan acceso a servizos de protección e apoio con independencia do concello no que residan. A posta en marcha deste novo recurso supuxo un investimento de 1,6 millóns de euros por parte da Consellería de Política Social e Igualdade.

Lei contra a violencia dixital

Por outra parte, o director xeral sinalou que desde hoxe está aberto o proceso de consulta pública da futura Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia. Deste xeito, e ata o vindeiro 8 de maio, os particulares, entidades e organismos interesados poden presentar as súas alegacións ao texto.

Entre as principais novidades, destaca a posta en marcha por parte da Xunta dun plan de formación especializada destinado a todos os axentes sociais que participan na atención directa ás vítimas de violencia dixital. Ademais, este texto normativo, pioneiro en España e en Europa, garantirá a asistencia xurídica gratuíta para as vítimas en todo momento e prevé a posta en funcionamento dun novo servizo para a eliminación daquel materia dixital accesible en rede que se usou como instrumento de acoso ou de violencia dixital.