Nova

Fabiola García destaca a calidade e o compromiso coa igualdade dos maís de 3.500 participantes do concurso escolar 'O noso canto: máis voces, máis igualdade'

A conselleira trasladou ó alumnado participante os parabéns de todo o Executivo galego e animounos a seguir construíndo desde as aulas unha Galicia máis igualitaria


Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor a calidade dos traballos presentados á I edición do concurso escolar O noso canto: máis voces, máis igualdade, ao tempo que destacou o compromiso do alumnado coa igualdade de xénero. Neste caso, nun certame no que participaron máis de 3.500 alumnos e alumnas de preto de 50 centros educativos de Galicia. Así o trasladou durante a entrega de premios celebrada hoxe na Cidade da Cultura e que reuniu a máis de 200 nenos e adolescentes de toda Galicia.

Durante o acto, no que tamén participaron o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, a conselleira trasladou ó alumnado participante os parabéns de todo o Executivo galego polos seus traballos. Neste sentido, Fabiola García animounos a seguir construíndo desde as aulas e todos os días do ano unha Galicia máis igualitaria.

Esta primeira edición do concurso escolar organizado pola Xunta de Galicia contou con máis de 3.500 alumnas e alumnos participantes de medio cento de centros educativos. Deste xeito, subliñou que todas as pezas lograron transformar a música de O noso canto “en mensaxes cheas de creatividade, emoción e igualdade”, facendo a elección dos galardoados “unha tarefa nada sinxela”.

A entrega de premios estivo conducida pola cantante Lucía Pérez, a cantante e compositora de O Noso Canto, Belém Tajes, e a vocalista e tamén compositora Nastashia Zürcher. Ambas as tres formaron parte o ano pasado do proxecto O Noso Canto impulsado pola Xunta con motivo do 8M e no que participaron máis de 30 artistas galegas.

Galardóns da primeira edición

O concurso escolar O noso canto: máis voces, máis igualdade e que dá continuidade á obra musical O noso canto: xuntas resoamos máis fortes, que naceu con motivo do 8 de marzo do ano pasado da unión de dúas cancións: Latexo e Aperta. Son dúas cancións de distintos estilos interpretadas por artistas de distintas traxectorias e idades e cada unha delas coa súa personalidade. Con isto preténdese transmitir a idea de que cando unimos de xeito interxeracional na loita pola igualdade de xénero, o camiño é máis transformador.

O concurso conta con dúas modalidades: unha musical, coa versión da canción; e outra gráfica, para que o alumnado transmita plasticamente o que lle inspira a letra de O noso canto. O obxectivo é  fomentar a promoción da igualdade no alumnado galego a través da reflexión, a creatividade e a expresión artística ao redor do feminismo interxeracional.

Na categoría da peza musical o centro gañador é o CEIP de Chans-Bembrive de Vigo e como segundo clasificado o CPR Plurilingüe Abrente de Sanxenxo. Así como as mencións especiais ao IES Carlos Casares de Vigo, ao CPI dos Dices de Rois, ao CPR Agarimo da Coruña e ao CPR Plurilingüe A Inmaculada de Lugo.

Na modalidade gráfica os galardoados da primeira categoría, a correspondente a Educación Infantil e a 1º, 2º, 3º e 4º curso de Educación primaria, foron o CPR Plurilingüe Abrente de Sanxenxo e o CEIP de Viñas, de Poio. Na segunda categoría, a correspondente a 5º e 6ª de Educación Primaria, 1º e 2º da ESO e Educación Especial, os premiados foron o CPR Plurilingüe Abrente e o Centro de Educación Especial Pontevedra. No caso da terceira categoría, a que recolle os traballos de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e Formación Profesional, os premios recaeron no IES de Sar e IES Plurilingüe Adormideiras.

Ligazón aos traballos premiados:

https://we.tl/t-0bp7TOVrL5cYHsFw