Nova
A Xunta inviste máis de 400.000 € na creación do novo centro de día para persoas con Alzheimer de AFA Viveiro
Fabiola García puxo en valor a importancia da colaboración entre o Goberno galego e as entidades para estender a rede de apoios ás familias
Neste sentido, lembrou que Galicia conta cunha das maiores ofertas de prazas públicas específicas para a atención a persoas con esta doenza
Viveiro (Lugo), 14 de abril de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, visitou hoxe o edificio no que se localizará o novo centro de día da Asociación de familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias (AFA) para persoas que sofren esta doenza. Neste sentido, lembrou que a Xunta investiu máis de 400.000 euros a través de diferentes achegas na creación deste recurso.
Fabiola García explicou que no mes de maio comezará a segunda fase das actuacións para adaptar o inmoble ás necesidades do centro e poder ofrecer “unha atención especializada a todos os doentes”. Deste xeito, avanzou que os usuarios poderán desfrutar dunhas instalacións renovadas e localizadas en pleno centro urbano, facilitando o contacto coa contorna e o resto de servizos.
Na visita, a conselleira tamén puxo en valor a colaboración entre o Goberno galego e as entidades sociais, como Afa Viveiro, que traballan cada día para garantir o benestar das persoas con esta doenza. Deste xeito, recalcou que “grazas o seu labor é moito máis sinxelo estender a rede de apoios a todas as familias que o precisen”.
Neste sentido, Fabiola García lembrou que Galicia conta cunha das redes públicas máis amplas na atención a persoas con esta patoloxía e que se estende por toda a comunidade con máis de 560 prazas totalmente gratuítas. O obxectivo, dixo, é que todas as persoas que sofren esta e outras doenzas neurodexenerativas poidan contar cunha atención especializada e adaptada.