Nova
Fabiola García anuncia que o novo punto de encontro familiar de Cervo abrirá o 1 de xullo e dará servizo aos 15 concellos da Mariña
Destínanse 155.000 euros anuais ao funcionamento deste recurso, que evitará que as familias teñan que desprazarse ata Lugo para realizar as visitas
Os PEF son servizos públicos gratuítos nos que profesionais especializados en materia de infancia velan polo benestar dos nenos e nenas en procesos de separación conflitivos
Cervo (Lugo), 14 de abril de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, adiantou hoxe que o novo Punto de Encontro Familiar (PEF) de Cervo entrará en funcionamento o vindeiro día 1 de xullo e que dará servizo aos 15 concellos da Mariña, desde O Vicedo ata Ribadeo. Así o sinalou durante na visita a este recurso, que está situado no edificio Ecomuseo, e na que estivo acompañada da alcaldesa, Dolores García.
Fabiola García apuntou que a vindeira semana a Xunta sacará a licitación a xestión deste servizo ao que destinará 155.000 euros anuais para o seu funcionamento e que será xestionado a través dun concerto social, igual que o resto dos PEF de Galicia. Coa súa posta en marcha, as familias xa non terán que desprazarse ata Lugo para realizar as visitas. A Xunta investiu 235.000 euros nas obras deste PEF.
A conselleira sinalou que os Puntos de Encontro Familiar representan un recurso fundamental para os nenos e as familias en risco de desprotección. Neste sentido, explicou que son uns espazos neutrais e seguros que se teñen conformado como o mellor marco para realizar as visitas fixadas polos xulgados en procesos de separación conflitivos.
Os PEF permiten que profesionais especializados en materia de infancia velen pola protección dos nenos, fagan un seguimento individualizado de cada situación e alerten aos servizos de protección de menores da Xunta en caso de identificar algún posible caso de desprotección.