Nova

Belén do Campo asiste á lectura do manifesto polo Día Mundial do Párkinson e reafirma o apoio da Xunta ás persoas afectadas e ás súas familias

A delegada da Xunta trasladou á entidade o compromiso do Executivo galego de seguir colaborando de maneira estreita para avanzar na atención e coidado das persoas con esta doenza


A Coruña, 11 de abril de 2026

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, asistiu  hoxe á lectura do manifesto con motivo do Día Mundial do Párkinson, un texto consensuado por todas as entidades que forman parte da Federación Española de Párkinson, no que se reivindica unha maior visibilidade da enfermidade e o reforzo dos recursos de atención ás persoas afectadas.

Durante o acto, a representante autonómica puxo en valor o labor desenvolvido pola Asociación Párkinson Galicia-Coruña, organizadora do evento, destacando a súa traxectoria desde a súa fundación no ano 1996 por un grupo de persoas afectadas e familiares. “Falamos dunha entidade de referencia que leva décadas traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con párkinson así como das súas familias”, sinalou.

A delegada subliñou que a asociación conta na actualidade con 710 persoas socias e ofrece un apoio integral baseado nunha atención especializada e nun acompañamento próximo e continuado. Ademais, destacou que presta servizo a preto de 300 persoas usuarias directas e 148 indirectas, entre familiares e persoas achegadas, realizando arredor de 23.000 intervencións ao ano.

Neste contexto, trasladou á entidade o compromiso do Executivo galego de seguir colaborando de maneira estreita para avanzar na atención e coidado das persoas con esta doenza. “O traballo conxunto co tecido asociativo é fundamental para dar resposta ás necesidades reais das persoas e seguir avanzando en recursos e servizos de calidade”, indicou.

A Asociación Párkinson Galicia-Coruña conta co firme apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, reforzando así o seu labor en favor das persoas afectadas pola enfermidade e das súas familias. No ano 2025, financiou o Programa de Atención Especializada para persoas con discapacidade, no que participan entidades como GRUMICO, AFFOU, Párkinson Galicia-Coruña, AGFQ e COGAMI, así como unha iniciativa específica desta entidade, o Proxecto de Recursos e Apoios Técnicos para a atención a persoas con párkinson. Estas actuacións contaron cunha achega global de máis de 32.000 euros a través da Orde do IRPF, permitindo mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e avanzar nunha atención máis integral e especializada

Finalmente, a delegada destacou a importancia de actividades coma esta para sensibilizar á sociedade sobre o párkinson, dar visibilidade ás persoas que o padecen e recoñecer o labor das entidades que traballan día a día ao seu carón.