Nova
A Xunta ultima as obras de mellora na residencia de maiores pública autonómica de Marín
Invístense 1,5 millóns de euros en reordenar os espazos interiores do centro para que as persoas usuarias gañen en comodidade e para mellorar a súa accesibilidade e eficiencia enerxética
Santiago de Compostela, 11 de abril do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta tarde o compromiso do Executivo autonómico por ofrecer ás persoas maiores centros residenciais de calidade con todos os coidados que necesitan e nos que se sintan como nos seus fogares. Fíxoo durante unha visita á residencia de maiores pública autonómica de Marín, na que están a punto de rematar os traballos de mellora das instalacións e nos que se investiron 1,5 millóns de euros.
Fabiola García, que estivo acompañada da alcaldesa do concello, María Ramallo, explicou que o obxectivo destas obras é que os residentes se sintan cómodos, respectados e nunha contorna familiar. Neste sentido, indicou que o Goberno galego está a destinar nesta lexislatura 40 millóns de euros a reformar e modernizar a rede de centros da Xunta, con actuacións por toda a comunidade: A Estrada, Lugo, Pontevedra, Ferrol, A Coruña, Antas de Ulla, Burela, Barbadás, O Carballiño ou Marín, entre outros concellos.
A conselleira sinalou que a mellora continua das instalacións, o mantemento adecuado e a incorporación de solucións innovadoras na atención demostran o compromiso real co coidado integral das persoas maiores. No caso da residencia de Marín, as obras céntranse na mellora da fachada e do illamento térmico do edificio para gañar en eficiencia enerxética. Tamén se redistribúen espazos interiores do centro para aumentar o benestar dos usuarios e do persoal, así como mellorar a accesibilidade.