Nova

Rueda reforza a colaboración da Xunta coa Fundación “la Caixa”, que investirá 16 M€ este ano en Galicia

O responsable do Executivo autonómico asinou hoxe co presidente da entidade, Isidro Fainé, o acordo mediante o cal a fundación incrementa nun millón de euros o importe destinado a acción social, investigación, educación e cultura na Comunidade

Salienta a importancia de que administracións públicas e outras entidades traballen da man para brindar a mellor atención posible ás persoas que máis o necesitan


Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co presidente da Fundación “la Caixa”, Isidro Fainé, o acordo de colaboración polo cal esta entidade investirá 16 millóns de euros en Galicia, un millón máis que no ano anterior, en materia de acción social, investigación, educación e cultura.

No encontro, o presidente autonómico, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, agradeceu o traballo que realiza en Galicia a fundación, e salientou a importancia de que administracións públicas e outras entidades traballen da man para brindar a mellor atención social posible ás persoas que máis o necesitan.

Neste sentido, na xuntanza destacouse que a Fundación “la Caixa” prioriza os proxectos de acción social dirixidos á mellora das condicións de vida da infancia máis vulnerable, o acceso ao emprego das persoas en risco de exclusión, o fomento do envellecemento activo e saudable e a atención integral de pacientes con enfermidades avanzadas.

Ademais destas liñas de actuación, o acordo asinado hoxe tamén inclúe accións nos ámbitos educativo, científico e cultural.