Nova

Fabiola García anima os usuarios das residencias de maiores da Xunta a participar en iniciativas de envellecemento activo a través do deporte

A conselleira destaca que esta xornada de convivencia, na que participaron 60 persoas de tres centros residenciais, enmárcase na aposta do Executivo galego por seguir impulsando a vida pública e social na terceira idade


Ames (A Coruña), 9 de abril do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañou esta mañá a preto de 60 usuarios de tres residencias de maiores públicas autonómicas que participaron nunha xornada de deporte e fomento do envellecemento activo. Durante o acto, animou aos maiores a participar neste tipo de actividades que buscan impulsar unha vida activa a través da actividade deportiva.

Na súa visita, na que estivo acompañada do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, a conselleira sinalou que esta primeira actividade deportiva entre residencias enmárcase no impulso do envellecemento activo e saudable, unha aposta do Executivo galego por seguir impulsando a vida pública e social na terceira idade.

Por iso mesmo, agradeceu a todo o persoal dos centros de Torrente Ballester (A Coruña), Porta do Camiño (Santiago de Compostela) e de Ferrol o seu esforzo imprescindible para realizar esta actividade, que achega aos maiores e conecta xeracións. A xornada Deporte e Vida Activa tivo lugar nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago de Compostela e incluíu a practica de deportes como o golf, o pádel e o croquet.