Nova
Fabiola García anuncia que a Xunta elaborará o primeiro Plan Galego do Autismo para garantir o benestar, os dereitos e a inclusión de persoas con TEA
Avanza que esta folla de ruta, que estará rematada en 2027, atópase incluída no Plan Estratéxico de Galicia en materia de discapacidade
Destaca que entre os seus obxectivos estarán o reforzo dos recursos para o diagnóstico e atención temperá, a garantía da saúde integral e a resposta educativa inclusiva e de calidade en todas as etapas
Lembra que a Xunta impulsa en Friol o primeiro centro de atención integral a persoas con autismo, que contará con 48 prazas residenciais grazas a un investimento de 4,7M€
Lamenta o recurso do Goberno central contra as homologacións automáticas da dependencia e a discapacidade incluídas no plan de choque, que xa beneficiaron a máis de 12.600 galegos
Santiago de Compostela, 7 de abril do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta está traballando na elaboración do que será o primeiro Plan Galego do Autismo, que buscará garantir o benestar integral, os dereitos e a plena inclusión das persoas con TEA. Así o avanzou durante o acto conmemorativo do Día Mundial do Autismo, que tivo como lema Menos xuízos, máis apoios e que se celebrou no centro de día do Monte do Gozo da Federación Autismo Galicia. A esta evento tamén asistiu a presidenta da entidade, Mercedes Fernández Angulo.
Na súa intervención, a conselleira lembrou que o Goberno galego traballa actualmente na elaboración do novo Plan Estratéxico de Galicia en materia de discapacidade, co obxectivo de definir un marco global de actuación que permita avanzar na igualdade de oportunidades e na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.
Fabiola García anunciou que esta estratexia incorporará o primeiro Plan Galego do Autismo, que terá como finalidade articular políticas públicas orientadas a promover o benestar integral e a garantir os dereitos e a plena inclusión das persoas con TEA. Entre os obxectivos deste plan, que estará listo en 2027, atópanse o reforzo dos recursos e das intervencións dirixidas ao diagnóstico e á atención temperá, a garantía da saúde integral e asegurar unha resposta educativa inclusiva e de calidade en todas as etapas. Ademais, abordará o impulso da transición á vida adulta, facilitando o acceso ao emprego e á formación.
Así mesmo, o plan prevé o desenvolvemento dunha rede suficiente de apoios para a vida independente, o fomento da inclusión social e da participación comunitaria, e a promoción da formación e sensibilización dos profesionais dos ámbitos sanitario, educativo e social. Complétase co fortalecemento dos recursos de información, orientación e apoio ás familias e persoas coidadoras, a promoción da investigación e a mellora do coñecemento social sobre o TEA, así como o reforzo da coordinación entre os distintos axentes implicados.
A conselleira de Política Social e Igualdade tamén puxo en valor o papel que xogan as entidades sociais e a colaboración que manteñen coa Xunta. Como exemplo, lembrou o centro de atención integral a persoas con autismo que a Xunta está impulsando no concello de Friol, cun investimento total de 4,7M€. Este recurso, que será o primeiro deste tipo en Galicia, contará con 48 prazas.
Recurso do Goberno central
Por último, Fabiola García lamentou o recurso do Goberno central contra as homologacións automáticas da dependencia e a discapacidade incluídas no plan de choque posto en marcha pola Xunta. Lembrou que esta medida pioneira beneficiou a 12.600 persoas en 2025 e supón a redución ao máximo dos trámites, sen que os dependentes teñan que pasar por unha dobre valoración.