Nova
A Xunta colabora coas actividades de conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo en Lugo
Lugo, 2 de abril de 2026
A Xunta de Galicia colabora coas actividades que se desenvolven en Lugo para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. O delegado territorial, Javier Arias, asistiu hoxe á lectura conxunta do manifesto que impulsaron as asociacións Raiolas e Capaces, e gabou o imprescindible traballo que realizan as entidades sociais para sensibilizar á poboación e impulsar servizos.
Entre os actos programados con motivo da efeméride, a sede da Xunta na cidade iluminou esta noite a súa fachada de cor azul, e a Biblioteca Pública acolleu este martes unha mesa redonda sobre o autismo con expertos de diferentes ámbitos.
Arias trasladou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir traballando por unha sociedade máis inclusiva, “con máis e mellores recursos sociais e sanitarios e unha estratexia educativa que promova o desenvolvemento integral de todas as persoas”.
Ademais, lembrou que o Goberno galego está a investir 4,7 millóns de euros na construción da nova residencia de Friol para persoas con autismo, un recurso pioneiro no conxunto do Estado.