Nova
A Xunta inxectará máis de 600.000 euros ata 2028 para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar no concello de Porto do Son
Fabiola García destaca que Porto do Son foi o primeiro municipio xunto ao de Ponteareas en solicitar formalmente o aumento da achega da Xunta, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro
Destaca que, grazas ao acordo acadado coa Fegamp, a Xunta achegará 500M€ en tres anos ao SAF, elevando progresivamente o prezo ata os 18€ por hora
Porto do Son (A Coruña), 5 de abril do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, para avaliar de primeira man o impacto que ten o acordo asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é de competencia municipal
Fabiola García cualificou de “histórico” este acordo, xa que suporá un aumento do 50% da achega do Goberno galego ao SAF. En concreto, explicou que no caso do concello de Porto do Son, este acordo terá un impacto claramente positivo, posto que o incremento do financiamento da Xunta durante os tres anos de vixencia do acordo ascenderá a preto de 600.000 euros, recibindo un total de 2,1M€. Isto representa, engadiu, un importante aforro para o concello de Porto do Son, que poderá aproveitar para seguir mellorando os seus servizos sociais.
Neste sentido, lembrou que a Xunta xa está levando a cabo a actualización do módulo de financiamento do SAF e que os concellos teñen o prazo dun mes, ata o vindeiro 27 de abril, para solicitar formalmente o incremento da achega da Xunta a este servizo de xestión municipal. De feito, destacou que o Concello de Porto do Son, xunto ao de Ponteareas, foron os dous primeiros municipios en solicitar este aumento.
Con esta actualización dos prezos, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2026, o Goberno galego cumpre co obxectivo de aumentar progresivamente a súa achega ao financiamento do SAF para persoas dependentes e, ademais, incentivase aos concellos para que presten este servizo con criterios comúns de calidade e homoxeneidade. De feito, grazas ao acordo coa Fegamp, a Xunta achegará ata 2028 un total de 500M€ (150M€ máis dos inicialmente previstos). Así, todos os municipios que decidan adherirse, recibirán 16 euros por hora en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros no ano 2028. Este incremento gradual supón unha suba do 50% da achega da Xunta.
Débeda do Goberno central
Fabiola García apuntou que “as cifras evidencian o beneficioso que será este acordo” e pon de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia coas Administracións locais e, en especial, con todos os dependentes galegos. Un compromiso que a titular de Política Social e Igualdade botou en falta por parte do Goberno central. Neste sentido, criticou o feito de que “mentres a Xunta avanza en dereitos sociais, o Executivo de Pedro Sánchez segue sen cumprir a Lei” e sen aportar o 50% do custo da dependencia; polo que, lembrou, a débeda con Galicia ascende a 3.000 millóns de euros.
Ademais deste déficit no financiamento da dependencia, a conselleira denunciou que o Goberno central queira paralizar o Plan de choque posto en marcha hai un ano pola Xunta e que tan bos resultados está dar, con máis de 86.000 expedientes de dependencia e de discapacidade resoltos de maneira favorable, o dobre que no 2024.