Nova

A Xunta inviste preto 50.000 euros en melloras na escola infantil pública autonómica de Porto do Son

As obras inclúen a instalación dun novo sistema de climatización no centro, a dotación de novos módulos de almacenamento, a colocación dunha nova cancela na entrada e a limpeza e pintado das fachadas


Porto do Son (A Coruña), 5 de abril do 2026

A Xunta de Galicia investirá preto de 50.000 euros en obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Porto do Son. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que visitou o centro acompañada do alcalde do concello, Luis Oujo.

As obras, que contratará e executará o concello, consistirán na instalación dun novo sistema e climatización, na dotación de novos módulos de almacenamento e na colocación dunha nova cancela no vestíbulo da entrada. Ademais, procederase á limpeza e pintado das fachadas exteriores do centro. A conselleira de Política Social e Igualdade enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade.

Ao respecto, destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.

Melloras en escolas das redes autonómica e local

A mellora deste centro de Porto do Son forma parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica. A Xunta destinará a estas actuacións, preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).  Con estes fondos acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento, en función das necesidades que teñan os centros.