Nova
A Xunta explica as súas iniciativas en materia de igualdade no máster universitario en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras
María Quintiana destaca os programas e axudas do Goberno galego para apoiar aos concellos, para favorecer o emprendemento das mulleres e a súa presenza en sectores masculinizados, así como para dar máis visibilidade ao talento feminino
Tamén sinala o forte impulso que nos últimos anos se deu ao fomento da conciliación e da corresponsabilidade
Explica que a plataforma dixitial presentes.gal é xa toda unha referencia para divulgar e poñer en valor a experiencia e traxectoria de mulleres galegas en todos os ámbitos
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, explicou ao alumnado do Máster Universitario en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras as iniciativas da Xunta de Galicia para fomentar unha igualdade de xénero efectiva. Fíxoo no marco dunha charla que serviu de peche a estes estudos de posgrao da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
María Quintiana informou ao alumnado o traballo en canto ao deseño de programas, estratexias, xestión de recursos, convocatorias de axudas, traballo cos órganos colexiados e representación institucional que se desenvolve desde a súa Dirección Xeral. Tamén detallou algúns dos programas e liñas de financiamento que ten o Executivo autonómico para apoiar aos concellos en materia de conciliación e corresponsabilidade, promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, así como para os Centros de Información ás Mulleres (CIM), de titularidade municipal.
Do mesmo xeito, durante a charla, abordou tamén as distintas iniciativas en marcha para dar máis visibilidade e impulsar o talento feminino, tales como: as axudas para as mulleres que queren emprender, o fomento da presenza das mulleres en sectores masculinizados ou o apoio á investigación con perspectiva de xénero.
Así mesmo, a directora xeral destacou o traballo que se está a realizar para avanzar no reparto equitativo das responsabilidades familiares e na conciliación, a través do Plan Corresponsables. Ao respecto, apuntou que por medio deste Plan, a Xunta apoia a concellos, entidades de iniciativa social e ANPAS para a realización de campamentos, servizos de madrugadores ou de coidadores, entre outras actividades. Neste sentido, explicou que se trata de fondos do Goberno central e que, logo do recorte do Ministerio de Igualdade en 2025, a Xunta de Galicia cofinancia co 25%.
Durante a charla, Maria Quintiana explicou ao alumnado a plataforma presentes.gal, presentada con coincidindo co 8M, Día Internacional das Mulleres, e que naceu xa coa maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia. Ao respecto, explicou que nesta plataforma dixital, que xa é unha referencia, se dá visibilidade ao talento e a experiencia de máis de 2.000 mulleres profesionais de todos os ámbitos e que conta xa co apoio de máis de cen entidades profesionais e asociacións da comunidade autónoma.
Por último, no ámbito da prevención e da sensibilización, a directora xeral referiuse a medidas como os espazos de igualdade e os puntos lila e arco iris nos festivais, así como as diferentes iniciativas en marcha para impulsar a visibilidade das persoas LGBTI.