Nova

A Xunta destaca o labor que realiza a Fundación Hogar Santa Lucía para a inclusión social e laboral de mulleres en situación de vulnerabilidade

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, explica que o Goberno galego financia con case 125.000€ a casa de acollida desta entidade, que conta con 19 prazas


A Coruña, 1 de abril de 2026

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá a Fundación Hogar Santa Lucía para mulleres sen teito, unha entidade sen ánimo de lucro que ten por obxectivo impulsar a súa recuperación integral. No acto, o director xeral puxo en valor o importante labor que desenvolve esta entidade para a inclusión social e laboral de mulleres en situación de vulnerabilidade.

A Xunta achega financiamento para o mantemento e funcionamento don centro de inclusión social desta entidade, que conta con 19 prazas e onde  as mulleres residen e reciben apoio. Concretamente, e con cargo á última convocatoria de axudas a entidades 2025-2027, a Xunta concedeulle unha axuda por importe de preto de 125.000€ para financiar a casa de acollida.

Arturo Parrado explicou, ademais, que a Xunta de Galicia conta con axudas e programas que se dirixen de xeito específico á atención das persoas sen fogar. De feito, o orzamento anual dedicado especificamente a este eido ascende a 5,3 millóns de euros. Deste total, unha parte destínase ao mantemento da rede de centos de atención a persoas en exclusión social severa e outra á realización de diferentes programas de atención a persoas sen teito.