Nova

Fabiola García avalía o avance nas obras de reforma da residencia municipal para persoas maiores de Manzaneda, que están na súa recta final

A esta actuación destínanse máis de 300.000 euros do Plan de Investimentos da Xunta, que ten como obxectivo reformar ou ampliar centros de maiores de xestión municipal


Santiago de Compostela, 28 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avaliou hoxe co alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, os avances nas obras de mellora que o concello está a realizar na residencia de maiores municipal e que a Xunta financia con 300.000 euros. Esta actuación, que está na súa recta final, forma parte do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros de maiores de titularidade municipal.

A reforma desta residencia inclúe a mellora das condicións de seguridade e accesibilidade, así como da eficiencia enerxética do inmoble, mediante a renovación da instalación térmica e a actualización do sistema eléctrico que dá servizo ao ascensor. Así mesmo, a intervención supón a remodelación da zona de enfermería e das habitacións.

Fabiola García sinalou que esta actuación responde ao compromiso do Executivo autonómico de seguir reforzando a rede de recursos de proximidade. De feito, a través do Plan de Investimentos, crearanse 650 novas prazas públicas de atención residencial e en centros de dia nunha vintena de concellos. A Xunta destina a este plan 18,5 millóns de euros de fondos do Mecanismo de Recuperación Transformación e Resiliencia da Unión Europea (NextGenerationUE) e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Cesión dun inmoble e SAF

Outro dos asuntos abordados na xuntanza foi a cesión ao concello, o pasado mes de decembro, dun edificio construído pola Xunta hai anos para albergar un centro de día, que finalmente no chegou a entrar en funcionamento. A edificación atópase na mesma parcela que a residencia municipal de maiores, polo que o concello xa pode dispoñer do inmoble para usos que complementen ao servizo residencial, se así o considera. Está previsto que o concello, coa colaboración da Xunta, faga un estudo para optimizar os usos deste espazo, que permita unha ampliación de prazas da residencia.

Por outra banda, a conselleira avanzou ao alcalde que xa pode acollerse ao incremento da achega autonómica ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Unha suba que é posible grazas ao acordo asinado entre a Xunta e a Fegamp, e pola que o Concello de Manzaneda poderá recibir preto de 350.000 euros en tres anos.