Nova

Fabiola García pon en valor o papel dos centros sociocomunitarios da Xunta na promoción do envellecemento activo e do benestar dos maiores

Destaca a aposta do Goberno galego polas actividades de envellecemento activo para axudar ás persoas maiores “a manter unha vida plena, activa e de calidade”

No evento participaron máis de 700 usuarios destes nove recursos xestionados pola Xunta que realizaron unha mostra das actividades que impulsan ao longo do ano


Vigo, 26 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá no primeiro festival dos nove centros sociocomunitarios da área de Vigo, no que participaron máis de 700 usuarios destes recursos xestionados pola Xunta. No acto, no que estivo acompañada polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, a conselleira puxo en valor o papel que xogan estes centros na promoción do envellecemento activo e no benestar e socialización das persoas maiores.

Na súa intervención, Fabiola García fixo fincapé en que “manterse activo é a mellor maneira de desfrutar desta etapa da vida”, un eido no que destacou a importante labor dos centros sociocomunitarios, aos que definiu como “centros espallados por toda Galicia e que se teñen convertido en auténticos espazos de convivencia para as veciñas e veciños e que axudan a dinamizar a vida social das vilas e concellos”. Ademais, destacou a aposta da Xunta polas actividades de envellecemento activo para axudar ás persoas maiores “a manter unha vida plena, activa e de calidade”.

No festival, participaron usuarios dos nove centros sociocomunitarios da área viguesa (Rivera Atienza, Calvario, Teis, Coia, Bouzas, Pi e Margall, Baiona, Porriño e Redondela), que desfrutaron dunha xornada de convivencia e de mostra das actividades que realizan ao longo do ano. Entre outras actividades, os asistentes realizaron actuacións de canto popular, ioga, canto tradicional, danza caribeña, baile en liña, Taichi ou coral.

A programación de actividades converten estas instalacións no epicentro de ocio dos barrios e inclúen obradoiros temáticos, charlas, clases de ximnasia, ioga, tai chi e pilates, de informática, manualidades, pintura, teatro, poesía ou baile.