Nova

A Xunta destina preto de 251.000 euros aos centros e programas de inclusión social da Fundación da Santa Cruz de Vigo

Estes fondos garanten o funcionamento do albergue e do centro de acollida da entidade, e financian actuacións de formación


Vigo, 26 de marzo do 2026

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe o traballo que realiza a Fundación da Santa Cruz para mellorar as condicións de vida das persoas máis vulnerables e en risco de exclusión. Díxoo tras visitar os servizos que presta esta entidade, que recibe da Xunta de Galicia un total de 250.700 euros para o mantemento dos seus centros e a realización de programas.

En concreto, o Executivo autonómico destina 133.333 euros anuais a garantir o funcionamento do albergue e do centro de acollida que xestiona a devandita fundación, con 38 prazas o primeiro e 112 o segundo. 

Ademais deste importe, esta fundación viguesa ten axudas con cargo á última convocatoria dirixida a entidades de iniciativa social para a realización de programas de inclusión 2025-2027. Estas achegas ascenden a 117.374 euros cos que se financian actuacións de formación adaptada para a certificación de competencias chave e alfabetización dixital, entre outros programas. 

Plan comunitario de Teis

Arturo Parrado tamén mantivo unha reunión cos responsables do Plan comunitario de Teis, coordinadora de barrio que recibiu unha subvención de 167.000 euros da orde de axudas da Xunta para entidades sociais 2025-2027. Con estes fondos, a entidade desenvolve diferentes accións de inclusión sociolaboral e de transición ao emprego.