Nova
Fabiola García aborda con Unicef as principais liñas estratéxicas da futura Lei de Infancia e Adolescencia
A conselleira pon en valor a estreita colaboración da Xunta e Unicef en materia de protección da infancia e da adolescencia, así como na prevención e loita contra a violencia de xénero
Entre as novidades previstas no futuro texto, destaca que a lei servirá para potenciar o acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección dun neno ou adolescente cando non pode vivir coa súa familia
Santiago de Compostela, 26 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa presidenta de Unicef Galicia, María Montalvo, para tratar as principais cuestións que o Goberno galego ten previsto incluír na que será a primeira Lei Galega de Infancia e Adolescencia.
No encontro, a conselleira puxo en valor a estreita colaboración establecida entre a Xunta e Unicef nos últimos anos en materia de protección da infancia e da adolescencia, así como na prevención e loita contra a violencia de xénero. Así, destacou o traballo conxunto na modificación da composición do Observatorio de Familia e Infancia e na creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, respondendo a unha demanda histórica da entidade. Ademais, puxo en valor a colaboración na implantación do programa Cidades Amigas da Infancia, fomentando a adhesión de concellos.
Sobre a futura lei galega, Fabiola García explicou que “se trata dunha norma moi agardada e moi necesaria” e que o obxectivo da Xunta é “que Galicia dispoña dunha norma moderna, adaptada ás novas realidades sociais” e que poña á infancia e á adolescencia no foco e no centro de actuación de todas as administracións.
Fabiola García destacou que os principais destinatarios do futuro texto lexislativo son as máis de 365.000 persoas menores de idade que residen en Galicia, pero recalcou que terá impacto en toda a sociedade galega, porque a protección e apoio ás persoas menores é unha responsabilidade da que participan directamente as familias, os profesionais do ámbito da infancia e adolescencia e as distintas administracións.
Principais novidades da lei
Entre as novidades previstas neste texto, detallou que a lei servirá para potenciar o acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección dun neno ou adolescente cando non pode vivir coa súa familia. O obxectivo é que todos os nenos de Galicia teñan a oportunidade de medrar nun fogar, en especial, aqueles que teñen menos de 6 anos.
Neste sentido, a Lei regulará, por vez primeira, a dobre valoración das familias para o acollemento e a adopción, unha demanda histórica das familias acolledoras. Isto abre a posibilidade de que un neno que vive en acollemento familiar poida permanecer nesa mesma familia se o persoal técnico da Xunta decide que ese neno pase a adopción.
Desta maneira, dáse prioridade a que o neno permaneza coa familia acolledora, favorecendo a súa continuidade na mesma contorna e evitando novas rupturas de vínculos. Ata o de agora, isto non estaba permitido, xa que o acollemento e a adopción eran procedementos independentes e non se podía pasar dun a outro. Así mesmo, a Lei tamén recollerá a creación dun rexistro de familias acolledoras e adoptivas, para mellorar o control e o manexo dos datos destas familias.
Ademais, a futura norma regulará os tipos de medidas de protección á infancia e permitirá mellorar a coordinación das administracións que traballan nesta materia, porque a Xunta ten competencias nos casos de risco grave ou desamparo do menor e os concellos, a través dos servizos sociais de base, son os que traballan no ámbito do risco leve. Esta lei servirá, pois, para reforzar o traballo conxunto que realizan todas as administracións en defensa dos nenos e dos adolescentes.