Nova

A Xunta felicita a María Martinón Torres polo seu ingreso na Real Academia Galega de Ciencias


Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, felicitaron á paleoantropóloga ourensá María Martinón Torres polo seu ingreso como académica correspondente na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da Real Academia Galega de Ciencias. Ambos responsables destacaron a súa traxectoria investigadora, a súa contribución ao coñecemento da evolución humana e o seu labor na visibilización das mulleres na ciencia, así como o seu papel á fronte do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana.

Neste sentido, puxeron en valor o seu liderado en proxectos internacionais en países como Xeorxia, China ou Israel, así como a súa ampla produción científica en revistas de referencia como Nature, Science, PNAS ou Journal of Human Evolution. Así mesmo, sinalaron que persoas como María Martinón Torres son un orgullo para Galicia e un exemplo do que representa a marca Galicia Calidade, baseada no talento, o esforzo e a excelencia que sitúan á nosa Comunidade no máis alto nivel científico.