Nova
A Xunta investirá máis de 8 M€ na reforma integral da residencia das Gándaras para a súa adaptación en materia de seguridade e accesibilidade
Fabiola García destaca que o Goberno galego leva investidos 40 M€ no que vai de lexislatura na mellora e acondicionamento da rede de residencias públicas de maiores
O obxectivo deste investimento é adaptar os centros ao novo modelo de coidados que aposta por unha maior coordinación sociosanitaria, as tecnoloxías e centros máis humanos e funcionais
Santiago de Compostela, 25 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá que a Xunta destinará máis de 8M€ na remodelación exterior e interior das Gándaras de Lugo para a súa adaptación en materia de accesibilidade e seguridade. Este investimento forma parte da aposta da Xunta pola mellora da rede de residencias públicas, que supuxo unha inxección de 40M€ no que vai de lexislatura.
Nesta liña, Fabiola García destacou que o obxectivo é converter estes centros asistenciais en verdadeiros fogares e adaptalos ás novas necesidades e demandas das persoas maiores. Deste xeito, fixo fincapé no investimento previsto na cidade de Lugo, con máis de 10M€ en obras, nas que se inclúen tamén as que se acometerán na residencia da Milagrosa con 1,7M€.
No caso concreto das Gándaras, a actuación permitirá que todas as habitacións conten con baño propio e a mellora das zonas comúns, creando salas de convivencia e comedores en cada planta, para evitar desprazamentos innecesarios. Ademais, reiterou que non se reducirá o número de habitacións individuais.
Novo modelo de coidados
A conselleira subliñou que este investimento na mellora da residencia das Gándaras “é exemplo da aposta do Goberno autonómico co benestar das persoas maiores” e tamén “do compromiso cun novo modelo de coidados nas residencias públicas”, apostando por unha maior coordinación sociosanitaria, aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e creando centros máis humanos e funcionais.
Nesta liña, resaltou que o Goberno autonómico traballa desde hai anos coa máxima de “priorizar recursos” para que as persoas maiores da comunidade “poidan envellecer como queiran” e reciban unha atención de calidade tanto no caso de optar por vivir nunha residencia coma no seu domicilio.
Crítica ao Goberno central
Fabiola García lamentou a falta de compromiso do Goberno central na atención ás persoas maiores e dependentes. Isto evidenciase no feito de que dos 733,7 millóns de euros destinados no 2025 ao financiamento da dependencia en Galicia, máis de 492 foron achegados pola Xunta, fronte aos 241 do Estado, o que supón unha diferencia de 250 millóns de euros que deixou de abonar no último exercicio. Estes datos reflicten claramente que o Goberno central está moi lonxe de cumprir a lei, que obriga a financiar o 50%, e aumenta ano a ano a súa débeda con Galicia, superando xa os 3.000 millóns de euros.