Nova
A nova Lei Galega de Acoso e Violencia Dixital protexerá ás vítimas de violencia de xénero
O obxectivo é facer fronte a un tipo de violencia cada vez máis presente debido á expansión do uso da internet e das redes sociais
Mos (Pontevedra), 25 de marzo do 2026
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destacou que a Lei Galega de Acoso e Violencia Dixital disporá de medidas específicas para protexer ás mulleres vítimas da violencia de xénero. Fíxoo nas V Xornadas da Muller, que hoxe e mañá se celebran no Pazo de Mos e nas que se aborda a violencia de xénero na era dixital. Ao encontro tamén asistiu a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz.
Roberto Barba explicou que o obxectivo que persegue a Xunta con esta norma, pioneira en España, é facer fronte a un tipo de violencia cada vez máis presente con motivo da expansión uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, como internet ou as redes sociais. Trátase, explicou, de dar unha resposta eficaz a violencias como o ciberacoso ou a difusión non consentida de material sexual, entre outras, das que son obxecto de maneira maioritaria as mulleres.
Ademais, o director xeral sinalou que a Xunta seguirá traballando en todos os ámbitos na prevención e na sensibilización. Neste sentido, apuntou que xornadas como esta son moi útiles para dialogar e compartir experiencias que axuden a combater a violencia de xénero.
O programa destas V Xornadas da Muller inclúe relatorios e mesas de análise nas que profesionais dos ámbitos xudicial, educativo, da seguridade, da psicoloxía ou da pedagoxía abordan cuestións como a protección xudicial das vítimas, os delitos que se producen a través de internet ou as consecuencias psicolóxicas deste tipo de violencia.