Nova

A Xunta enxalza o papel das entidades sociais na loita contra a violencia de xénero no rural

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, felicitou a asociación Entre Mulleres polo seu labor de apoio, acompañamento e asesoramento


Mondariz-Balneario (Pontevedra), 24 de marzo do 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na presentación do proxecto Mulleres que importan, da asociación Entre Mulleres. Neste sentido, destacou o importante papel que desenvolven as entidades na loita contra a violencia machista ao crear recursos e iniciativas coma esta no rural.

Roberto Barba agradeceu a esta asociación de mulleres rurais a súa implicación e traballo para construír unha sociedade máis igualitaria e xusta; creando espazos de apoio, acompañamento e asesoramento que son imprescindibles para complementar a rede de esforzo que leva anos impulsando a Xunta para chegar a toda a xeografía galega.

En concreto, o programa Mulleres que Importan busca reforzar o traballo que desenvolve a entidade creando espazos individualizados para a atención e o acompañamento, así como a sensibilización comunitaria no rural fronte á violencia de xénero.

Así mesmo, o director xeral puxo en valor o importante paquete de medidas da Xunta para fomentar a prevención, sensibilización e a detección fronte á violencia machista, un dos máis amplos do país. Neste sentido, explicou que hai recursos pioneiros como os centros de información á muller móbiles, postos en marcha este ano para recorrer o rural e os campus universitarios, ou as axudas económicas para garantir a recuperación integral das vítimas.