Nova

A Delegación da Xunta en Lugo acollerá este venres un concerto solidario a favor da asociación Capaces


Lugo, 24 de marzo de 2026

A Delegación Territorial da Xunta acolle este venres, 27 de marzo, un concerto solidario a favor da asociación Capaces, que traballa na defensa dos dereitos das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Actuarán a Tuna de Agrícolas de Madrid e a Asociación de Antigos Tunos de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta de Capaces, Noelia Fernández, explicaron que a cita comezará ás 20.00 horas no salón de actos do edificio administrativo.

Capaces Lugo traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e outros trastornos da comunicación e das súas familias, promovendo apoios, recursos e oportunidades que favorezan a súa autonomía persoal e a súa inclusión social, educativa e laboral.

Arias sinalou que a Xunta colabora coa Federación Autismo Galicia no impulso de diferentes accións para promover a sensibilización social e a calidade da atención ás persoas con trastorno do espectro autista.