Nova
A Xunta esixe ao Goberno central a retirada do recurso contra as homologacións automáticas de dependencia e discapacidade
Fabiola García lembra que esta medida incluída no plan de choque impulsado polo Goberno galego beneficiou a máis de 12.600 galegos en 2025
Denuncia que o Executivo central copia esta medida con menor intensidade e sen dereito a beneficios fiscais
Madrid, 24 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión coa directiva do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) co obxectivo de avaliar o impacto do recurso ante o Constitucional presentado polo Goberno central contra as homologacións automáticas de dependencia e discapacidade.
No encontro, celebrado na Casa de Galicia en Madrid, participaron o presidente do CERMI España, Luis Cayo; o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo; e o vicepresidente do CERMI estatal, Anxo Queiruga. Tras a xuntanza, a conselleira volveu esixir ao Executivo central a retirada deste recurso que, segundo destacou, vai contra unha medida pioneira incluída no plan de choque da Xunta e da que se beneficiaron máis de 12.600 galegos en 2025.
Na súa intervención, Fabiola García fixo fincapé no afán recadatorio deste recurso, en referencia aos 114M€ menos que o Estado deixou de recadar nun ano en Galicia en concepto fiscal. Ademais, denunciou que o Goberno central copia esta mesma medida na modificación do Texto Refundido da Lei Xeral das persoas con discapacidade e a súa inclusión social. Neste texto, proponse que aos dependentes de Grao III só se lles conceda o 65% de discapacidade, sen beneficios fiscais, cando Galicia outorga o 100%.