Nova

Rueda destaca a nova residencia de maiores de Xunqueira de Ambía como exemplo do compromiso da Xunta cos servizos no rural galego

Salienta que se trata do primeiro centro en completarse ao abeiro do Plan de Investimentos acordado polo Goberno galego coa Fegamp 

Contou cun investimento de 1,7 millóns de euros froito da colaboración entre a Administración autonómica e a Deputación de Ourense 

Pon en valor que a instalación permite que 50 veciños e veciñas da comarca reciban coidados de calidade sen ter que abandonar a súa contorna 

A provincia de Ourense concentra máis do 60% das actuacións do Plan destinado a dotar de servizos de atención aos maiores os concellos rurais de menos de 20.000 habitantes


Xunqueira de Ambía (Ourense), 20 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a nova residencia de maiores municipal María Puga Martínez, en Xunqueira de Ambía, como o exemplo do compromiso da Xunta co rural galego para que calquera poida ser coidado no seu sitio: “Á xente hai que coidala, dende que nace ata o final da súa vida. A obriga das Administracións é intentar atender as súas necesidades na medida do posible, e cando a xente se vai facendo maior é cando hai que poñer máis esforzo. E en iso estamos aquí”, resaltou Rueda.

Así o destacou, acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a inauguración do novo centro municipal, que contou cun investimento de 1,7 millóns de euros —dos cales a Xunta achega 1,2 millóns e a Deputación de Ourense o resto—. Este novo centro asistencial ofrece un total de 50 prazas para os veciños e veciñas da comarca —actualmente xa conta con 18 residentes— e creará 30 postos de traballo.

Esta infraestrutura é a primeira que se completa dentro do Plan de Investimentos acordado polo Goberno galego coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). A través deste Plan, a Xunta pon a disposición dos concellos de menos de 20.000 habitantes 18,5 M€ de fondos europeos para ampliar e mellorar a rede de centros de servizos sociais municipais e que están destinados ás persoas maiores: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais. Nese sentido, Rueda  resaltou que desde o seu Goberno “fixemos un esforzo económico importante. Queremos asegurar ás persoas que teñen grados de dependencia que nos preocupamos por elas. Temos que atendelas, e por iso firmamos ese acordo”.

Así, das arredor de 100 propostas presentadas, seleccionáronse 24 de toda Galicia, que suporán máis de 680 prazas ­­—568 novas prazas públicas residenciais e outras 114 prazas públicas en centros de día—. A provincia de Ourense é a que máis proxectos e orzamento concentra do Plan (o 60%), albergando 16 proxectos que suman un investimento total por parte da Xunta de 12 M€: “O noso obxectivo é cumprir o compromiso de ampliar o número de residencias e de centros de día. En toda Galicia, e especialmente onde máis falta fixera e onde máis colaboración tivéramos tamén. E aquí en Ourense encontramos moita colaboración”, salientou.

En concreto, na provincia de Ourense financiarase a construción, mellora ou ampliación de 12 residencias; dous novos centros de día; a reforma dun centro integral con servizos de atención diúrna e residencial; e un novo centro social. En total, crearanse máis de 400 novas prazas públicas, impulsando unha completa rede de centros municipais que será fundamental para a provincia.

Este Plan, tal e como apuntou o presidente Rueda, é tamén un exemplo de colaboración entre as distintas administracións, sumando esforzos para dar un impulso histórico á rede de servizos para as persoas maiores que viven en concellos pequenos e de carácter rural: “Oxalá cunda o exemplo, porque xuntos facemos máis, temos máis forza e podemos chegar a máis xente”, apuntou o presidente.

Atención á dependencia en Galicia

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego lembrou os avances en materia de política social, apuntando a que desde o 2009 se triplicou a oferta de prazas públicas en residencias, superando as 16.000 actuais, e que o obxectivo é impulsar 3.500 novas ata o ano 2028.

Así mesmo, e co obxectivo de ofrecerlle a cada galego e galega todas as facilidades para facerse maior como libremente desexe, a Xunta consolida axudas como o Bono Coidado no Fogar (que conta con 38.000 beneficiarios) e o Servizo de Axuda no Fogar (con 23.000 usuarios), cuxa achega por parte da Administración autonómica increméntase nun 50% tras o acordo coa FEGAMP.