Nova

A Xunta mantén aberto o prazo para que a cidadanía propoña as súas candidaturas á Medalla Emilia Pardo Bazán

Estes galardóns son un recoñecemento público ao compromiso e entrega de persoas e entidades na defensa da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes


Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o día 12 de maio o prazo de presentación de candidaturas á Medalla Emilia Pardo Bazán 2026, que recoñece a entrega e compromiso de persoas ou entidades na defensa e promoción da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes. Deste xeito, o Goberno galego anima á cidadanía a presentar as súas propostas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Calquera persoa, institución, organización ou administración pública que desexe participar, deberá formalizar a proposta achegando unha memoria ou informe no que se expoñan os méritos polos que se insta a conceder este recoñecemento á candidatura presentada.

A Xunta impulsou a Medalla Emilia Pardo Bazán no ano 2019 para enxalzar as accións relevantes a prol da igualdade efectiva e brindar unha recoñecemento público ás medidas desenvolvidas na nosa comunidade nese eido. A través destes premios, o Executivo autonómico contribúe á sensibilización social, a dar máis visibilidade aos talentos e capacidades das mulleres, e á difusión da traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis xusta.

Premios da última edición

Na edición do ano pasado, a Medalla Emilia Pardo Bazán outorgóuselle a Manuela López Besteiro, a Teresa Portela e a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA). Este galardón levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratase dunha precursora na defensa do dereitos das mulleres e do feminismo, e por ter reivindicado a educación das mulleres. Ademais, en todas as súas obras incorporou ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres  ás mesmas oportunidades que os homes.