Nova
A Xunta apoia con máis de 200.000 euros programas de Cáritas Lugo centrados no benestar das persoas maiores
Antón Acevedo destaca o impulso que o Goberno galego está a dar a servizos, programas e prestacións relacionados coa atención á dependencia e o envellecemento activo e saudable
Lugo, 18 de marzo do 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou esta tarde o traballo de Cáritas para mellorar a vida das persoas e fogares da provincia lucense. Fíxoo durante unha visita á sede desta entidade, onde puxo en valor as actuacións de promoción de autonomía persoal e apoio ás persoas maiores que desenvolve Cáritas co apoio económico da Xunta de Galicia.
En concreto, o Goberno galego achega un total de 206.855,89 euros de fondos procedentes do 0,7% do IRPF a tres programas da entidade centrados no benestar das persoas maiores: Vivencias en compañía, Maiores vivir na casa e Maiores vivir na casa SAD.
Antón Acevedo fixo fincapé na importancia desta colaboración entre a Xunta e Cáritas para mellorar os coidados e a calidade de vida das persoas maiores. Neste sentido, destacou o forte impulso que o Executivo autonómico deu nos últimos anos a servizos, programas e prestacións relacionados co atención á dependencia e o envellecemento activo.
Así, entre outras actuacións, sinalou: o incremento de 150 millóns de euros na achega da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos próximos tres anos; a posta en marcha do Bono Coidado no Fogar, con máis de 38.000 beneficiarios na actualidade; a continua ampliación da rede de casas do maior ou iniciativas como Xuntos polo Nadal e Benestar en Balnearios.