Nova

A Xunta reitera no Día Mundial da Síndrome de Down o seu compromiso coa plena integración das persoas con discapacidade

O delegado territorial, Javier Arias, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron nos actos celebrados en Lugo con motivo da efeméride

O Goberno galego achega máis de 2,5 millóns de euros á federación Down Galicia e as súas entidades para programas destinados a favorecer a autonomía e a inclusión sociolaboral dos usuarios


Lugo, 21 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia impulsa a plena integración das persoas con discapacidade a través de políticas transversais que inciden na atención, a formación, o emprego e a autonomía. Así o manifestaron hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down.

O auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus lucense acolleu o acto central pola   efeméride na comunidade co fin de celebrar tamén o 30 aniversario de Down Lugo, que foi a impulsora do evento xunto coa Federación Down Galicia. Baixo o título “21/3 Rodando a vida”, incluíu un espectáculo protagonizado pola compañía de teatro Down Lugo e o alumnado da escola Palimoco Teatro Danza, así como a entrega dos XI Premios Down Galicia á Universidade de Santiago de Compostela e ao chef Alejandro Méndez Lázare, entre outras propostas.

Os representantes autonómicos gabaron o labor que realizan a federación galega e as sete asociacións que a integran para “dar visibilidade, defender os dereitos e crear oportunidades para as persoas con síndrome de Down”. Subliñaron o apoio da Xunta a ese traballo, financiando programas destinados a favorecer a súa inclusión sociolaboral con axudas que sumaron máis de 2,5 millóns de euros no último ano.

A Consellería de Política Social e Igualdade achega case o 90% dese orzamento para sufragar gastos da federación e as asociacións locais, tanto no equipamento e acondicionamento das instalacións como na prestación de servizos e a organización de actividades. Entre outros proxectos conxuntos, 26 persoas usuarias das entidades Down galegas realizaron formación práctica en diferentes dependencias da Consellería entre xaneiro e decembro do 2025.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiou a contratación dunha vintena de traballadores desempregados para distintos postos de carácter técnico nos centros de traballo que xestionan. Tamén sostén o Servicio de Orientación Laboral de Down Galicia, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoiou varias das súas iniciativas a través das subvencións para programas de interese xeral dirixidos á xuventude e ao voluntariado con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.