Nova

A Xunta recibe máis de 100 achegas e suxestións á que será a primeira Lei Galega de Infancia e Adolescencia

Fabiola García agradece o traballo realizado polas entidades e destaca que as súas achegas “axudarán a que a futura lei sexa un texto moi participado e moi consensuado”

Destaca que “se trata dunha lei moi agardada e moi necesaria” que servirá para blindar o acollemento familiar, abrindo a posibilidade de que os menores que viven nestes fogares poidan continuar neles se pasan a adopción

Explica que o obxectivo é “que Galicia dispoña dunha lei moderna, adaptada ás novas realidades sociais” e que poña á infancia no centro de actuación das administracións


A Coruña, 18 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión coas principais entidades de acollemento familiar de Galicia para recoller as súas propostas de cara á elaboración da primeira Lei Galega de Infancia e Adolescencia. Sobre a norma, avanzou que na fase de consulta pública previa, que finalizou onte, recibíronse máis de 100 achegas e suxestións de particulares e entidades á futura normativa.

Fabiola García, que mantivo un coloquio con representantes de Acougo, Aldeas Infantiles, Cruz Vermella, Fundación Aldaba e Manaia, destacou que o número de achegas recibidas “demostra que se trata dunha lei moi agardada e moi necesaria” e que o obxectivo da Xunta é “que Galicia dispoña dunha lei moderna, adaptada ás novas realidades sociais” e que poña á infancia e á adolescencia no foco e no centro de actuación de todas as administracións.

A conselleira agradeceu o traballo realizado polas entidades que, segundo dixo, “coñecen de primeira man as necesidades reais, as dificultades e tamén as solucións posibles” e puxo en valor que a súa experiencia “é fundamental para construír políticas máis xustas, realistas e eficaces”. Neste sentido, destacou que o encontro realizado hoxe ten como obxectivo recoller as súas achegas “para conseguir que a futura lei sexa un texto moi participado e moi consensuado”.

Fabiola García explicou que os principais destinatarios do futuro texto lexislativo son as máis de 365.000 persoas menores de idade que residen en Galicia, pero terá impacto en toda a sociedade galega, porque a protección e apoio ás persoas menores é unha responsabilidade da que participan directamente as familias, os profesionais do ámbito da infancia e adolescencia e as distintas administracións.

Principais novidades

Entra as novidades previstas neste texto, detallou que a lei servirá para potenciar o acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección dun neno ou adolescente cando non pode vivir coa súa familia. O obxectivo é que todos os nenos de Galicia teñan a oportunidade de medrar nun fogar, en especial, aqueles que teñen menos de 6 anos.

Neste sentido, a Lei regulará, por vez primeira, a dobre valoración das familias para o acollemento e a adopción, unha demanda histórica das familias acolledoras. Isto abre a posibilidade de que un neno que vive en acollemento familiar poida permanecer nesa mesma familia se o persoal técnico da Xunta decide que ese neno pase a adopción.

Desta maneira, dáse prioridade a que o neno permaneza coa familia acolledora, favorecendo a súa continuidade na mesma contorna e evitando novas rupturas de vínculos. Ata o de agora, isto non estaba permitido, xa que o acollemento e a adopción eran procedementos independentes e non se podía pasar dun a outro. Así mesmo, a Lei tamén recollerá a creación dun rexistro de familias acolledoras e adoptivas, para mellorar o control e o manexo dos datos destas familias.

Ademais, a futura norma regulará os tipos de medidas de protección á infancia e permitirá mellorar a coordinación das administracións que traballan nesta materia, porque a Xunta ten competencias nos casos de risco grave ou desamparo do menor e os concellos, a través dos servizos sociais de base, son os que traballan no ámbito do risco leve. Esta lei servirá, pois, para reforzar o traballo conxunto que realizan todas as administracións en defensa dos nenos e dos adolescentes.