Nova
A Xunta destaca os espazos de diálogo e reflexión no rural para asentar referentes femininos no sector
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, puxo en valor o papel do asociacionismo para seguir impulsando iniciativas de emprendemento e visibilizando os proxectos das mulleres rurais
Ames (A Coruña), 17 de marzo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde na xornada Mulleres libres, pobos que avanzan, que organizou a asociación Mulleres de Seu da Cooperativa láctea CLUN en colaboración coa Fundación Vicente Ferrer. Durante o acto, destacou a importancia de crear e impulsar espazos de diálogo e reflexión no rural porque son esenciais para asentar referentes femininos nos diferentes sectores que o conforman.
Neste sentido, a directora xeral referiuse á importancia do asociacionismo feminino no rural como un elemento fundamental para seguir impulsando iniciativas de emprendemento e dando visibilidade aos proxectos das mulleres rurais que lideran cada vez máis explotacións agrarias, gandeiras ou forestais. Por iso, explicou que o compromiso da Xunta é seguir traballando para abrirlle as portas destes sectores tradicionalmente masculinizados e apostando polo relevo xeracional.
Ademais, fixo fincapé en que é esencial que as novas xeracións sexan conscientes do papel das mulleres na construción do futuro do rural e recalcou, neste aspecto, a importancia de dar visibilidade ao talento e a experiencia feminina a través de plataformas como Presentes. Así, explicou que o obxectivo da Xunta con esta iniciativa é seguir dándolle voz ás mulleres na sociedade e fomentando que elas tamén formen parte do discurso público, especialmente en eidos nos que non teñen recoñecemento.
Recoñecemento a Mulleres de Seu
Do mesmo xeito, recoñeceu o traballo de Mulleres de Seu, encabeza pola súa presidenta, Carmen Rodríguez, por ser exemplo desa sororidade real entre mulleres gandeiras que fan rede, apóianse, acompáñanse e son un espazo de crecemento conxunto. Así mesmo agradeceu o traballo da Fundación Vicente Ferrer na creación dunha sociedade máis igualitaria, máis xusta e, en palabras de Shoma Subaiya, técnica fundación, “máis felices”.