Nova

A Xunta enxalza a Rede Galega de Acollemento como recurso de primeira necesidade para as vítimas de violencia de xénero

Roberto Barba explicou que o Goberno galego pon á disposición das vítimas un dos paquetes de medidas para a súa recuperación integral máis amplos do país


Ourense, 17 de marzo do 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou esta mañá na xornada Violencia de Xénero e Saúde Mental que se celebra hoxe na facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense. Na súa intervención, enxalzou a rede galega de acollemento como recurso de primeira necesidade para as vítimas da violencia machista.

O director xeral explicou que este recurso é fundamental para as vítimas que necesitan un recurso habitacional como medida de protección e tamén de recuperación integral das mulleres que sofren ou sufriron violencia de xénero, así como para os seus fillos e fillas. En concreto, esta rede de acollemento é unha das máis amplas do país e esténdese por toda a comunidade grazas á colaboración das entidades sociais.

Neste sentido, lembrou que a Xunta abrirá en Santiago a primeira casa de acollida para vítimas de violencia de xénero con problemas de adiccións da man de Proxecto Home, un recurso especializado que se sumará a esta rede galega pública.

Así mesmo, Roberto Barba fixo fincapé en que o Goberno galego pon á disposición das vítimas un dos paquetes de medidas máis amplo para garantir a súa recuperación, entre as que se inclúen axudas económicas para facilitar a súa independencia e emancipación ou o asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto.

Do mesmo xeito, engadiu que este ano estará culminada a primeira Lei de violencia e acoso dixital, que proporcionará recursos específicos e gratuítos para as vítimas neste eido; ao mesmo tempo, indicou que se porá en marcha o primeiro protocolo de coordinación da Policía local de Galicia, que se sumará aos centros de información á muller móbiles que percorren o rural e os campus universitarios galegos.