Nova
A Xunta destaca a colaboración co sistema universitario público galego en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o director xeral de Violencia de Xénero, Roberto Barba, reúnense coas representantes das unidades de Igualdade destas institucións
Santiago de Compostela, 16 de marzo do 2026
A Xunta de Galicia e as tres universidades públicas galegas continuarán ao longo de todo o ano coa súa colaboración en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero. A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuníronse hoxe coas responsables dos equipos de Igualdade das tres institucións académicas.
Quintiana e Barba abordaron xunto aos equipos das universidades o resultado do traballo desenvolto a través dos convenios de colaboración do ano 2025, que teñen o foco no traballo en materia de corresponsabilidade e masculinidades igualitarias, e a prevención da violencia de xénero. Neste sentido, durante este exercicio seguiranse reforzando durante este exercicio nas tres universidades as accións formativas e de sensibilización, co obxectivo de seguir dando pasos adiante. Así, tanto Quintiana como Barba explicaron que para a Xunta de Galicia traballar no seo da universidade é fundamental para poder chegar á mocidade.
Deste xeito, explicaron que o obxectivo ten que ser sempre conectar todos os recursos públicos existentes para que as políticas teñan un maior impacto. Por exemplo, no que se refire ao novo servizo dos CIM móbiles, o director xeral explicou que a chegada destes recursos aos campus universitarios galegos será a través da coordinación coas Unidades de Igualdade, como xa está a acontecer coa conexión directa dos Centros de Crise 24 horas de acompañamento a vítimas de violencia sexual.
Pola súa banda, e como xa avanzou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, na súa comparecencia no Parlamento galego a semana pasada, a directora xeral confirmoulles a nova convocatoria este 2026 do Programa Galicia Investiga Igualdade para apoiar a alumnado investigador predoutoral nas súas teses en calquera área do coñecemento con perspectiva de xénero.
Os dous directores xerais destacaron a importancia do diálogo e da cooperación entre institucións para promover accións e poñer en marcha programas nos que se incida en diferentes aspectos relacionados coa igualdade de xénero, a rotura de estereotipos, a corresponsabilidade e a eliminación de condutas machistas. Así mesmo, agradeceron o traballo e compromiso da ata agora delegada do Reitor para a Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Sonia Esperanza Rodríguez Boente, quen deixará proximamente o cargo unha vez tome posesión o novo equipo do Reitorado.