Nova
A Xunta sinala que os avances na igualdade de xénero pasan polo compromiso do conxunto da sociedade
Quintiana apunta que o reparto equilibrado das responsabilidades familiares e dos usos do tempo é un dos factores que contribúen á igualdade efectiva entre mulleres e homes
Lembra que máis de 23.000 familias galgas e de 31.000 nenos e nenas beneficiáronse o ano pasado do Plan Corresponsables
Destaca que a plataforma presentes.gal, posta en marcha polo Goberno galego con motivo do 8M, é xa a plataforma dixital con maior presenza do talento feminino de toda España, dando xa visibilidade a máis de 2.000 mulleres
Ribadeo (Lugo), 13 de marzo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, manifestou hoxe que o fomento da igualdade de xénero efectiva ten que ser unha tarefa que comprometa ao conxunto da sociedade e destacou o impulso que está dando a Xunta de Galicia para seguir avanzando neste camiño. Díxoo na inauguración das Xornadas de Corresponsabilidade organizadas polo Concello de Ribadeo dentro da conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, e dirixidas a profesionais e técnicos dos servizos sociais, da educación, da sanidade, da seguridade ou de entidades sociais, entre outros ámbitos.
Na súa intervención, María Quintiana sinalou que un dos factores que contribúen á igualdade real é un reparto equilibrado das responsabilidades familiares e dos usos do tempo. Nesta liña, destacou o impulso que nos últimos anos deu a Xunta de Galicia á conciliación e á corresponsabilidade, a través de medidas como a gratuidade das escolas infantís ou o Plan Corresponsables.
En concreto, a directora xeral destacou que, a través do Plan Corresponsables, o Executivo autonómico consolida, un ano máis, o seu apoio aos concellos, as Asociacións de Nais e Pais (Anpas) e ás entidades de iniciativa social para a posta en marcha de servizos de coidados, de madrugadores, campamentos, etc. Ao longo de todo este ano, a Xunta destina 7,4 millóns de euros a este Plan que no 2025 beneficiou a máis de 23.000 familias e de 31.000 nenos e nenas.
Ademais, María Quintiana referiuse a outras actuacións e programas que ten en marcha a Xunta para que as mulleres ocupen o espazo que merecen en todos os ámbitos da sociedade e para que teña máis visibilidade a achega que fan na construción dunha sociedade mellor. Así, entre outras iniciativas, referiuse ás axudas ao emprendemento feminino Emega, a favorecer a presenza das mulleres en sectores profesionais masculinizados ou a impulsar o talento feminino nos ámbitos da investigación e da ciencia.
Por último, a directora xeral puxo en valor a campaña da Xunta polo 8M: ‘Máis referentes, máis presentes’, que inclúe a plataforma presentes.gal. Esta é a plataforma dixital coa maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia e de España, e que dá visibilidade ao talento e á experiencia das mulleres profesionais en Galicia.
María Quintiana explicou que esta plataforma nace con máis de 2.000 mulleres profesionais de todas as áreas de coñecemento e con diversidade de traxectorias, máis e menos visibles, que xa quixeron formar parte desta comunidade nun proceso no que se contou co apoio de máis de 100 entidades profesionais, institucións e asociacións de Galicia. Así mesmo, apuntou que con esta iniciativa se poñen as bases dun proxecto transversal e duradeiro co que dar visibilidade á experiencia das mulleres profesionais en Galicia.
Mesa redonda en Viveiro
Por outra banda, a directora xeral de Promoción da Igualdade participou en Viveiro nunha mesa redonda na que, baixo o epígrafe de Lidera+, abordou as boas prácticas no ámbito da muller, así como no emprego e a inclusión femininas. Este debate enmarcouse nos actos conmemorativos do 8M organizados polo Concello e a entidade Bumei Galicia.