Nova
A Xunta inviste 1,2M€ na primeira residencia de maiores de Trasmiras, que contará con 79 prazas públicas
O Goberno galego achega a través do Plan de Investimentos o 45% do financiamento, que é compartido coa Deputación de Ourense e a empresa construtora
Fabiola García destaca que este será o primeiro centro destas características co que contará o concello
Lembra que o 65% do total do Plan de Investimentos, concretamente 12M€, invístese en proxectos de concellos da provincia de Ourense
Trasmiras (Ourense), 15 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, comprobou o avance das obras da que será a futura residencia de maiores de Trasmiras. Este centro, financiado pola Xunta a través do Plan de Investimentos e que será o primeiro destas características que terá este concello, contará con 79 prazas públicas, das que 59 serán residenciais e 20, de centro de día.
Na visita, a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e polo alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos. O novo centro suporá un investimento total de 2,7M€, do que a Xunta achega o 45%, con 1,2M€. O importante restante é achegado pola Deputación de Ourense e pola empresa construtora.
Este centro residencial forma parte da vintena de proxectos que está a financiar a Xunta ao abeiro do Plan de investimentos en equipamentos sociais que dependen dos concellos: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais. Este plan foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ten como finalidade reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores.
O Goberno galego destina a este plan un total de 18,5M€ de fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). Deste orzamento, 12M€, que supón o 65% do total do plan, invístese en proxectos de concellos da provincia de Ourense. No conxunto de Galicia, crearanse máis de 680 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día a través desta iniciativa.
3.500 prazas ata 2028
Na súa intervención, a conselleira destacou que o Plan de Investimentos é “unha mostra máis do compromiso da Xunta coa atención ás persoas maiores”. Neste sentido, explicou que se seguirá avanzando nesta liña, co impulso de 3.500 novas prazas residenciais ata o remate da lexislatura en 2028.