Nova

A Xunta financia con 283.000 euros o futuro centro de día de Toques, que contará con 25 prazas públicas

A actuación enmárcase no Plan de investimentos, dotado con 18,5M€ para fortalecer a rede de centros municipais de atención ás persoas maiores

A conselleira avanza que o obxectivo do Goberno galego é impulsar 3.500 novas prazas residenciais ata o remate da lexislatura en 2028

Pon en valor os resultados do plan de choque e destaca que Galicia segue avanzando con mellores datos que a media nacional, reducindo tempos de agarda e incrementando o número de atendidos


Toques (A Coruña), 14 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou as obras do que será o futuro centro de día de Toques, cuxa execución está practicamente rematada. Este novo recurso, financiado pola Xunta a través do Plan de Investimentos, contará con 25 prazas públicas de atención diúrna.

Na visita, a conselleira estivo acompañada polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e polo alcalde de Toques, José Ángel Penas. O novo centro, que se constrúe na antiga escola municipal, suporá un investimento total de 340.000 euros, do que a Xunta achega máis do 80%, con 283.000 euros.

Este centro de atención diúrna forma parte da vintena de proxectos que está a financiar a Xunta ao abeiro do Plan de investimentos en equipamentos sociais que dependen dos concellos: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais. Este plan foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ten como finalidade reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores.

O Goberno galego destina a este plan un total de 18,5M€ de fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). No conxunto de Galicia, crearanse máis de 680 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día a través desta iniciativa.

3.500 prazas ata 2028

Tras a visita, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou que o Plan de Investimentos é “unha mostra máis do compromiso da Xunta coa atención ás persoas maiores”. Neste sentido, explicou que se seguirá avanzando nesta liña, co impulso de 3.500 novas prazas residenciais ata o remate da lexislatura en 2028.

Balance do plan de choque

Ademais, Fabiola García puxo en valor os resultados que está rexistrando o plan de choque de axilización da dependencia e a discapacidade. Así, destacou os datos do informe publicado onte, que revelan que Galicia é a terceira comunidade coa mellor puntuación en atención á dependencia, atendendo a máis de 93.600 dependentes en 2025, 16.400 máis que un ano antes. Isto supuxo un crecemento do 21%, o que sitúa á comunidade galega moi por riba da media estatal. Ademais, Galicia foi a comunidade que máis reduciu a lista de espera, cun 37,6%, fronte a media estatal do 12%,  e o número de persoas con resolución efectiva e pendentes de prestación ou servizo (a taxa de limbo) reduciuse case un 50% fronte ao 4,54% da media nacional.

Ante esta situación, a conselleira volveu reclamar ao Goberno central a retirada do recurso contra este plan de choque e esixe que cumpra coa Lei e pague o 50% da atención á dependencia, “xa que por non facelo a débeda que acumula con Galicia nesta materia é xa de 2.900 M€.”, insistiu.