Nova

A Xunta destaca a importancia de fomentar o intercambio de experiencias entre persoas mozas e maiores

Antón Acevedo pon en valor os programas que ten en marcha o Goberno galego para favorecer un envellecemento activo e saudable

Neste senso, Lara Meneses tamén resalta os bos resultados dos programas de voluntariados interxeracional postos en marcha polo seu departamento


A Coruña, 13 de marzo do 2026

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destacaron esta mañá a importancia que ten que a xente moza e as persoas maiores compartan espazos e experiencias que lles permitan aprender uns dos outros. Así o sinalaron nun encontro interxeracional organizado pola Fundación Lo Que De Verdad Importa (LQDVI), previo ao congreso para a mocidade que esta entidade celebra hoxe no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).

Antón Acevedo puxo en valor iniciativas como esta que fomentan o intercambio de coñecementos e a conexión entre xeracións. Neste sentido, puxo como exemplo o proxecto ‘Tu historia de verdad importa’, que tamén impulsa esta fundación. A través dela, un grupo de voluntarios recolle vivencias persoais de usuarios de distintas residencias de maiores para elaborar un libro autobiográfico.

Ademais, o director xeral de Maiores e Atención Sociosantaria destacou a aposta da Xunta pola participación das persoas de máis idade en todos os ámbitos da sociedade, favorecendo un envellecemento activo e saudable. Ao respecto, referiuse a programas impulsados polo Goberno galego que teñen moi boa acollida, como Benestar en Balnearios ou Xuntos polo Nadal. Tamén destacou outras iniciativas como os convenios coas universidades galegas e con Aulas Sénior Galicia (Ategal), para que os maiores retomen ou amplíen a súa formación; ou o Carné +65, co que poden desfrutar das vantaxes que este ofrece en servizos de saúde, ocio e benestar.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, resaltou “os bos resultados que obtemos coas experiencias impulsadas desde a nosa área e que favorecen a colaboración entre persoas maiores e mocidade, encadradas nos nosos programas de voluntariado interxeracional”. Nesta liña, cómpre lembrar que no 2025 desenvolvéronse 26 proxectos deste tipo con 236 participantes repartidos entre entidades locais e entidades de acción voluntaria.

Congreso

Este encontro é previo ao desenvolvemento do Congreso para a Mocidade Lo Que De Verdad Importa, dirixido a alumnado de centros educativos e a entidades sociais galegas, e que este ano celebra a súa 17ª edición.

Nesta ocasión, as persoas convidadas que contarán as súas historias de superación e solidariedade son Jero García, exboxeador que na actualidade lidera iniciativas que, a través do deporte, combaten o acoso escolar e a exclusión; Alex Vieira, fundadora da ONG Khanimanbo, coa que axuda de maneira directa a máis de 400 nenos de Mozambique; e Unai Garma, fundador do proxecto A90Grados para concienciar e previr sobre a ludopatía.