Nova
Javier Arias avoga por poñer o foco no papel das mulleres no ámbito deportivo para avanzar na igualdade
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou na clausura da xornada `Women in sports´, impulsada pola Fundación Familia Mathurin e a asociación Sagrado Corazón e celebrada na Delegación Territorial
Lugo, 13 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe a necesidade de “dar voz ás mulleres no ámbito deportivo para avanzar na igualdade e situar o deporte feminino no lugar que merece”.
Arias participou na clausura da xornada “Women in sports”, impulsada por Jessica Féquière, xogadora do club de baloncesto Ensino Lugo e vicepresidenta da Fundación Familia Mathurin, xunto coa asociación deportiva Sagrado Corazón e a colaboración do Goberno galego.
Baixo o lema “Os moitos rostros da muller no deporte”, a sesión reuniu como relatoras á tamén xogadora do Ensino Lydia Giomi, a médica Elena Quintas, a fisioterapeuta Patricia Pontón e a xornalista deportiva Zeltia Regueiro, nun encontro moderado pola xornalista María Guntín no salón de actos da Delegación Territorial.
Arias aplaudiu a iniciativa por “poñer o foco no papel das profesionais que traballan polo deporte desde as canchas, as consultas ou os medios de comunicación”. Deste xeito, engadiu, “contribuímos a cambiar os esquemas e os referentes, e se conseguimos que estes asenten nas novas xeracións, xa non haberá retorno”.
O delegado lembrou que o deporte feminino en Galicia vive o seu mellor momento, con récord histórico de licenzas -case 87.600-, as 740 deportistas recoñecidas de alto nivel, así como os 122 equipos de alta competición patrocinados pola Xunta a través do Plan de patrocinio de equipos de alta competición.
No que atinxe á provincia, referiuse ao “orgullo” de contar con equipos femininos “nas máis altas categorías en distintas disciplinas”. Aínda así, dixo, “debemos seguir mellorando e facendo fronte ao reto da igualdade, e neste obxectivo, os clubs, asociacións e entidades deportivas terán sempre o noso apoio”.