Nova
A Xunta abre o martes o período de solicitude de praza nas escolas infantís públicas autonómicas
Os pais e nais poderán solicitar unha das máis de 10.500 prazas ofertadas ata o vindeiro 7 de abril
Como novidade, aumentase a baremación para as familias nas que traballan os dous proxenitores e dáse prioridade total ás vítimas de violencia de xénero
O vindeiro curso será o quinto no que a atención educativa na etapa 0-3 será totalmente gratuíta en Galicia
Santiago de Compostela, 13 de marzo do 2026
A Xunta de Galicia abrirá o vindeiro martes, 17 de marzo, o prazo para que as familias galegas soliciten unha das máis de 10.500 prazas que se ofertan nas escolas infantís públicas autonómicas para o vindeiro curso 2026-2027. Este será o quinto período escolar no que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos e para todas as escolas, independentemente da súa titularidade.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o luns o calendario de matriculación e o período de solicitude de praza permanecerá aberto ata o 7 de abril. Como en anteriores ocasións, as solicitudes poderán remitirse de xeito electrónico a través da sede da Xunta ou acudindo de xeito presencial a calquera dos rexistros oficiais.
Este ano, como novidades, a Xunta de Galicia aumenta a baremación para as familias nas que traballan os dous proxenitores, ou o único proxenitor, en caso de familias monoparentais. E, ademais, establécese que as vítimas de violencia de xénero terán acceso prioritario.
Galicia, líder en escolarización
Cómpre lembrar que Galicia foi pioneira en facer gratuítas todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, durante oito horas ao día e once meses ao ano. Unha medida que está a disposición de máis de máis de 32.000 familias e na que a Xunta inviste máis de 68M€ de fondos propios ao ano.
Ademais, grazas a este programa de gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil con case un 65% de matriculación, situándose 15 puntos por riba da media nacional.