Nova

A Xunta apoia con case 500.000 euros a construción do novo fogar residencial da Gudiña, que contará con 14 prazas públicas de atención a persoas maiores

Fabiola García destaca que este centro, financiado a través do Plan de Investimentos, será o primeiro destas características co que contará o concello

Lembra que o 65% do orzamento total deste plan, concretamente 12M€, invístese en proxectos impulsados en concellos da provincia de Ourense

Avanza o impulso de 3.500 novas prazas residenciais en Galicia ata 2028


A Gudiña (Ourense), 12 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, comprobou o avance das obras do que será o futuro fogar residencial da Gudiña. Este centro, financiado pola Xunta a través do Plan de Investimentos e que será o primeiro destas características que terá o concello, contará con 14 prazas públicas grazas á rehabilitación integral dun inmoble sen uso.

Na visita, a conselleira estivo acompañada polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e polo alcalde da Gudiña, Néstor Ogando. O novo centro suporá un investimento total de 885.000€, do que a Xunta achega o 53%, concretamente 470.000€. O importante restante correspóndelle á Deputación de Ourense.

Este novo fogar residencial forma parte da vintena de proxectos que está a financiar a Xunta ao abeiro do Plan de investimentos en equipamentos sociais que dependen dos concellos: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais. Este plan busca reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores.

O Goberno galego destina a este plan un total de 18,5M€ de fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). Deste orzamento, 12M€, que supón o 65% do total do plan, invístese en proxectos de concellos da provincia de Ourense. No conxunto de Galicia, crearanse máis de 680 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día a través desta iniciativa.

3.500 prazas ata 2028

Na súa intervención, a conselleira destacou que o Plan de Investimentos “é unha mostra máis do compromiso da Xunta coa atención ás persoas maiores”. Neste sentido, explicou que o Goberno galego seguirá avanzando nesta liña, co impulso de 3.500 novas prazas residenciais ata o remate da lexislatura en 2028.